+034 986 09 02 04 Sábado 14 de Decembro de 2019

O MORRAZO ACOLLERÁ UN ANO MÁIS AS XORNADAS ETNOGRÁFICAS PARA REIVINDICAR A TRADICIÓN E A MODERNIDADE


 Xosé Leal, concelleiro de cultura, salientou que este evento potencia a cultura propia e a etnografía da comarca
A comarca do Morrazo celebrará do 16 ao 25 de agosto as Xornadas Etnográficas, nas que poñerán en valor a música, o baile, o traxe e a concienciación medioambiental. A mostra está organizada pola Asociación Cultural Peis D’Hos e conta co apoio da Mancomunidade de Concellos do Morrazo e da Deputación de Pontevedra, entre outras institucións e patrocinadores. Así o salientou Miguel Sotelo, representante de Peis D’Hos, na rolda de prensa celebrada este mércores no exterior da Praza de Abastos de Bueu, na que tamén estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu, Xosé Leal, concelleiro de cultura bueués, Marta Freire, tenente alcalde de Moaña, Carlos Juncal, concelleiro de cultura deste municipio, e Coral Ríos, edil de turismo.
Leal salientou a importancia de eventos coma estes, pois “potencian a cultura propia e a etnografía da comarca”, e “tamén reivindican a concienciación medioambiental”.
As xornadas arrancarán o 16 coa inauguración ás 12.00 h dunha exposición sobre a gaita na música tradicional galega, que se poderá ver no 1º andar do Concello de Cangas, e que está organizada pola Deputación de Pontevedra. Ese mesmo día, ás 20.00 h, no Clube de Xubilados da localidade moañesa de Meira, iniciarase unha mostra sobre o traxe aldeán de garda nas terras de Lugo, a cargo de Traxandaina.
O 17 de agosto, a praia de Vilariño (O Hío-Cangas) celebra ás 12 do mediodía o obradoiro “Polos pés” a cargo de María Xosé Martínez, quen ensinará a nen@s e adultos a confeccionar zocos con material reciclado.
O domingo, no Campo da Estacada de Bueu, celebrarase unha das actividades máis agardadas, o desfile de traxe tradicional galego, a cargo da Asociación Sete Espadelas. Esta actividade, que contará coas actuacións de Brincadeira, Trébede e O Fiadeiro, terá lugar ás 20.30 h.
O programa terá tamén diversas charlas. Así, o 19 de agosto, ás 20.30 h, no salón de plenos do Concello de Moaña, David Álvarez Graña falará sobre “Os bedeis do patrimonio natural no Morrazo”; o 20 de agosto, Chus Caramés e Carme Campo presentarán “Andar cos tempos… ou de como cribar o gran para mañá”, ás 20.30 no salón de plenos do municipio cangués, na que se debaterá sobre como derrubar estereotipos na música tradicional; e o 23 de agosto, na Antiga Cámara Agraria do Concello de Cangas, @s mestr@s composteir@s da Deputación explicarán en que consiste a compostaxe comunitaria e o Plan Revitaliza.
O 21 de agosto será a quenda dun obradoiro de regueifa e improvisación en verso, a cargo de Luís O Caruncho e Pinto de Herbón, que se celebrará na Casa da Mocidade de Moaña ás 20.30 h.
O 22 de agosto, no salón de plenos moañés, daranse a coñecer os libros Entre fusco e lusco e Colleita propia, por Rafa Crespo e Pablo Fernández Rial.
E xa para culminar, o 24 de agosto desenvolveranse dúas actividades: no local de ensaio de Cimadevila (Cangas) terá lugar ás 11 horas un obradoiro de baile con Montse Rivera, directora de Brincadeira; e no alto da Praza de Abastos de Moaña, ás 18 h, obradoiro de zagalexos bordados con Cristina González (Marola).
Programa completo: https://www.miguelsotelo.com/peisdhos

Deja un comentario