+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019

O CONCELLO REMATA O NOVO LOCAL SOCIAL MULTIUSOS NA PLANTA SUPERIOR DO ALMACÉN MUNICIPAL DE CERDEDO


O moderno recinto cultural conta con 290 metros cadrados nunha zona céntrica da localidade e concíbese como un espazo diáfano

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de rematar as obras de construción dun novo local social multiusos en Cerdedo que permitirá contar cun lugar axeitado para o desenvolvemento de certas actividades, especialmente da terceira idade, ante a elevada demanda existente na localidade. Este edificio está situado na planta superior do almacén municipal, que estaba en formigón e se empregaba simplemente para gardar materiais do Concello.

Este proxecto, que foi adxudicado en concurso público á empresa Degalle Construcciones, supuxo un investimento de 131.000 euros, o que supuxo unha baixa de 34.000 sobre o orzamento previsto. A firma ofreceu unha garantía de tres anos.

O novo local conta cunha superficie de 290 metros cadrados que elevan o total do inmoble ata os
585 metros contando co almacén municipal do semisoto. Este recinto multiusos concíbese como un espazo diáfano de grandes dimensións que permitirá acoller cursos de formación e moitas das actividades que se organizan ao longo do ano, con especial preferencia para o colectivo da terceira idade. As súas características tamén permiten que sexa ideal para a celebración de reunións.

Este multiusos conta cunha situación estratéxica e moi céntrica dentro do núcleo cerdedense, xa que está localizado entre o CEIP San Xoán Bautista e o pavillón municipal e moi próximo ao cuartel da Garda Civil, a residencia da terceira idade e a gardería.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, amosou a súa satisfacción por seguir completando a rede de servizos e recintos socioculturais do Concello e apostillou que “con este local rematamos, en principio, as actuacións previstas para a localidade de Cerdedo, que cremos que ademais queda perfectamente atendida para todas as necesidades actuais dos veciños e das súas actividades culturais e formativas e incluso para algunhas novas que poidan xurdir no futuro”.

Deja un comentario