+034 986 09 02 04 Martes 17 de Setembro de 2019

A FESTA DO RÍO VERDUGO, NA LAMA, MANTÉN O SEU ÉXITO A PESAR DE CAMBIAR O SEU FORMATO


O numeroso público asistente puido gozar da actuación do humorista Pepo Suevos, bailar ao ritmo do dúo “Prisma” e degustar mexillóns e churrasco

 

O novo formato elixido polo equipo de goberno para a Festa do Río Verdugo, na Lama, mantivo o éxito desta celebración coa presenza de numeroso público que gozou da actuación do humorista Pepo Suevos e do baile amenizado polo dúo “Prisma”. Os asistentes puideron degustar @gratuitamente máis de 200 quilos de mexillón que foron ofrecidos @gratuitamente polo Concello da Lama e churrasco a prezos populares que se encargaron de preparar os directivos do A Lama, S.D. De sobremesa, as filloeiras de Valongo puxeron o broche doce a unha velada que contou coa complicidade dunhas suaves temperaturas nocturnas.

Centos de persoas déronse cita onte na contorna da praia fluvial do río Verdugo no municipio da Lama para participar nunha nova edición da Festa do Río organizada polo Concello dentro das actividades incluídas na programación do “Verán Cultural”.

Nesta ocasión o novo equipo de goberno municipal cambiou o formato habitual desta festa e puxo como protagonistas do evento ao humorista Pepo Suevos e ao dúo musical “Prisma” que amenizaron a velada. Durante toda a noite tanto os tenentes de alcalde, David Carrera e Jorge Méndez, así como o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, estiveron pendentes do desenvolvemento organizativo da celebración e colaborando na ampliación do mesas que foi necesario resolver para dar cómoda cabida ao numeroso público presente.

Pepo Suevos, vello coñecido da televisión galega e das distintas festas da contorna, puxo en escena un monólogo cargado de retranca e bo humor que foi recompensado polos aplausos dun público entregado á diversión.

A continuación tomou a substitución o dúo grovense “Prisma” que co seu amplo repertorio musical conseguiu sacar a bailar ao público de todas as idades convertendo a praia fluvial do río Verdugo nunha auténtica sala de festas mesturando temas tradicionais verbeneras con cancións de rabiosa actualidade.

Con esta iniciativa, o Concello da Lama pretende diversificar a oferta cultural e de lecer do verán no municipio e poñer en valor un espazo natural como a praia fluvial do río Verdugo que pode transformarse de lugar de goce estival e de baño nun marco incomparable para acoller actuacións musicais e culturais de todo tipo.

Deja un comentario