+034 986 09 02 04 Domingo 09 de Agosto de 2020

FESTIVIDADE DE SAN ROQUE EN ARBO


A Carballeira de Turbela acollerá un gran xantar campestre a base de polbo, sardiñas, carne o caldeiro e porco “O espeto”. Haberá xogos, música e baile
Arbo prepárase para celebrar, un ano máis, a Festividade de San Roque. Trátase dunha das citas máis importantes do denominado “Verán Cultural” e, sen dúbida, é un símbolo máis da importante oferta gastronómica e de lecer deste concello. O próximo 16 de agosto, Arbo volverá converterse nun referente entre as festas que se organizan en honra a este santo e onde reinará a música, a comida, os xogos, o baile e a romaría. Un evento que reúne a todo o pobo e a centos de visitantes da comarca e mesmo de Portugal, atraídos pola extraordinaria oferta que ofrece Arbo nun día tan especial coma este.
O programa de actividades arrinca, como sempre, ás 10.00 horas cun pasarrúas da Banda de Música Municipal de Arbo e, unha hora máis tarde, a tradicional procesión desde a igrexa parroquial ata a Carballeira de Turbela, onde ás 11.30 horas oficiarase unha misa solemne de campaña cantada pola prestixiosa Coral Polifónica de Arbo.
Antes de que chegue a comida e a bebida, ofrecerase ás 13.00 horas un concerto da Banda de Arbo, no que tamén participará a Banda de Música Infantil. Tras o recital chega o momento máis apetitoso do día: o “Xantar Campestre”, unha comida a base de sardiñas, carne o caldeiro, polbo e porco celta. Coa degustación destes manxares están garantidas as risas e a diversión xa que o grupo musical Acibeche amenizará a velada.
Ás 17.00 horas comezarán os xogos populares nos que maiores e pequenos gozarán dun tempo de recreo e entreteniento na Carballeira de Turbela que finalizará cun baile popular tamén capitaneado por Acibeche.

Deja un comentario