+034 986 09 02 04 Luns 10 de Agosto de 2020

O CONCELLO DE NIGRÁN MELLORA A REDE DE ABASTECEMENTO NA CONTORNA DO SEIXO PREVIO ASFALTADO DESTA RÚA E DOUTRAS CATRO DE PANXÓN


Ao longo de setembro o Concello investirá nesta parroquia 54.000 € no pavimentado do Camiño Lousas, Pastora, Redonda, Arribas Brancas e Lagoa-Seixo
O Concello de Nigrán ven de renovar por completo a condución do abastecemento de auga na contorna do Camiño do Seixo (Panxón) como paso previo ao asfaltado desta e outras catro vías da parroquia cun investimento total de 54.050 € ao cargo do Plan Concellos 2019.
Así, Concello de Nigrán e a concesionaria Aqualia remataron a pasada semana as obras de substitución das canalizacións na contorna de Lagoa-Seixo beneficiando así a 25 vivendas que, dende hai anos, sufrían o prexuízo de ter contínuas roturas nas tubaxes por un defecto das mesmas. Este camiño e o de Lousas, Pastora, Redonda e Arribas Brancas serán pavimentados ao longo do mes de setembro pola empresa Fechi S.L. como parte do plan de asfaltados do Concello de Nigrán para a mellora da seguridade viaria na parroquia.
Así, en tódolos casos se realizará unha limpeza do pavimento da calzada e das cunetas antes de melloralo cunha mestura bituminosa en quente estendida e compactada, ademais de facer en cada caso o recrecido das tapas da rede de sumidoiros.
«Trátase de camiños en moi mal estado e que dan servizo a moitas persoas, por iso os consideramos prioritarios neste segundo plan de asfaltados da parroquia, sendo conscientes de que quedan outros pendentes que non esquecemos», sinala o alcalde, Juan González. Así, anteriormente en Panxón foi asfaltado Jesús Espinosa, Gondomar, Area Alta, Camiño da Area, Arquitecto Palacios, Paraviñal, Camiño da Fonte, Porqueira ou rúa do Rial.

Deja un comentario