+034 986 09 02 04 Xoves 17 de Outubro de 2019

GALICIA PARTICIPARÁ DE FORMA ACTIVA NA SEMANA EUROPEA DAS REXIÓNS E DAS CIDADES QUE TERÁ LUGAR EN BRUXELAS EN OUTUBRO


A Fundación Galicia Europa coordinará a participación galega na nova edición da Semana Europea das Rexións e das Cidades, onde Galicia estará representada en varios actos do evento

O Comité Europeo das Rexións (CdR), en colaboración coa Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea (DG REGIO), organizará en Bruxelas do 7 ao 10 de outubro a Semana Europea das Rexións e das Cidades (EWRC nas súas siglas en inglés): un evento de catro días de duración que reúne a máis de 6.000 asistentes e 600 relatores nun programa oficial con máis 300 actos nos que se abordarán as políticas rexionais e locais europeas sobre cohesión e desenvolvemento rexional e urbano.

Galicia terá este ano unha participación destacada na EWRC cun total de catro eventos organizados por entidades galegas como a Autoridade Portuaria de Vigo, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) ou a Fundación Galicia Europa (FGE). A propia Fundación será a encargada de coordinar á representación autonómica durante as fases de preparación e desenvolvemento dos catro actos con participación galega que se celebrarán o vindeiro martes 8 de outubro na capital europea.
A participación de Galicia durante esta segunda xornada da EWRC 2019 abrirase cun evento sobre a achega galega á loita contra o cambio climático, expoñéndose con detalle a finalidade e os obxectivos da Estratexia galega sobre Cambio Climático e Enerxía de cara ao ano 2050. Despois, terá lugar unha exposición sobre a Estratexia de Crecemento Azul do Porto de Vigo. Esa mañá tamén haberá un evento de I+D+i sobre o papel das rexións europeas na promoción da transformación dixital das pemes organizado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN). Durante este acto, GAIN presentará os resultados dos proxectos I4MS e TETRAMAX nos que se están a desenvolver ferramentas e servizos que incentivan a innovación dixital entre as pemes industriais europeas.
O último evento con participación galega dese día céntrase no futuro da política de cohesión, concretamente, á hora de afrontar os desafíos globais e a necesidade de reformas estruturais que precisa esta importante política pública europea. Neste seminario, organizado pola Fundación Galicia Europa, explicaranse os beneficios que a política de cohesión aporta ás rexións europeas e se proporá un debate sobre o seu futuro financiamento no marco do novo período financieiro 21-27.
Os catro eventos coordinados pola FGE forman parte das 300 sesións programadas para a EWRC 2019, entre as que se atopan laboratorios participativos, obradoiros, charlas, un espazo de exposición, degustacións de produtos rexionais e actividades de networking. Todos estes actos se agruparán en seis bloques temáticos: O futuro da UE e o papel das rexións e das cidades; unha Europa máis próxima aos cidadáns; unha Europa máis verde; unha Europa socialmente máis integrada; unha Europa máis intelixente e unha Europa máis conectada.
Primeiro cume sobre o futuro da mobilidade autónoma
Coincidindo coa Semana Europea das Rexións e das Cidades, o día 9 de outubro celebrarase en Bruxelas un gran encontro sobre mobilidade autónoma con representación da industria, das institucións comunitarias e de autoridades rexionais. A cita está organizada polo Grupo Interrexional do Automóbil (Future of the Automotive Industry-CoRAI) do Comité Europeo das Rexións (CdR), do que Galicia é parte activa. No panel e na mostra de proxectos deste cumio europeo vai participar como representante galego o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) presentando o proxecto SISCOGA, un corredor de probas cuxo principal obxectivo é poñer en marcha proxectos relacionados coa condución autónoma e conectada. Posteriormente, haberá un debate político sobre a mobilidade autónoma a nivel local no que participará a Xunta de Galicia.
Novas edicións do programa TecEuropa
A participación da Fundación Galicia Europa na EWRC 2019 coincidirá, no tempo e no espazo, coa oitava edición do seu programa TecEuropa de especialización en financiamento comunitario destinado á formación de persoal de entidades galegas interesadas en participar en proxectos europeos. Tras pecharse a convocatoria para esta 8ª edición o 18 de xullo xa se pode atopar na páxina web da FGE a listaxe de 20 persoas que van participar nesta nova edición do programa formativo. A relación de prazas asignadas é a seguinte: sete técnicos que pertencen a entidades membros do Padroado da FGE, seis técnicos de entidades locais galegas e outros sete de entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro.
Por outra banda, xa está aberto o prazo de inscrición para a 9ª edición de TecEuropa cuxa primeira parte terá lugar en Bruxelas do 11 ao 15 de novembro, mentres que a segunda parte vaise celebrar en Santiago de Compostela o día 26 de novembro. O prazo para presentar solicitudes se estenderá ata o vindeiro 9 de setembro. As solicitudes e documentación complementaria deben ser presentadas de forma obrigatoria por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Toda a información ao respecto pode atoparse na web da Fundación Galicia Europa.

Deja un comentario