+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

OS ‘SEGREDOS’ DA COMPOSTAXE, MAÑÁ EN CANGAS DA MAN DAS XORNADAS ETNOGRÁFICAS DO MORRAZO


As mestras composteiras do Plan Revitaliza da Deputación protagonizarán unha charla na antiga Cámara Agraria do Concello ás 20.30 horas

As mestras composteiras do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra estarán mañá venres en Cangas para explicar os segredos da compostaxe, un dos modelos para xestionar os residuos domésticos ambientalmente máis sostible, e animar á veciñanza a que composte o seu lixo orgánico e colabore co medio ambiente. O persoal técnico amosará o fácil que é compostar e producir un compost de calidade ás 20.30 horas na antiga Cámara Agraria do Concello ao abeiro das Xornadas Etnográficas do Morrazo.

Falarase en xeral dos tipos de residuos que a veciñanza produce nas súas casas e como despois estes subtipos de lixo se transportan e tratan en diferentes áreas de Galiza: seguindo o modelo Sogama, o Nostián ou o de Lousame e confrontándoos co que plantexa a Deputación de Pontevedra co Plan Revitaliza, baseado no tratamento de proximidade, evitando mover o lixo todo o posible.

Especificamente falarase sobre compostaxe comunitaria, amosando detalles de todo o proceso dende que se xeran os biorresiduos (restos de vexetais e comidas) ata que finalmente se produce o compost. As mestras composteiras explicarán como se debe separar ese lixo orgánico na casa, tanto de cociñados como sen cociñar, para despois botalo no composteiro máis próximo.

Un dos aspectos máis destacables da charla será a explicación do labor que fan as propias mestras composteiras, xa que son as encargadas de controlar que todo o proceso de compostaxe saia correctamente, vixiando os parámetros do proceso, así como facendo trasfegas entre os módulos do composteiro para que o material madure e poida ser utilizado despois na terra.

As mestras tamén falarán da nova e exclusiva aplicación móbil mediante a que de maneira telemática a Deputación centraliza os datos de todos os centros de compostaxe da provincia para seguir o seu funcionamento e garantir a trazabilidade e calidade dos lotes de compost producidos.

Lembrarán, así mesmo, que o Plan Revitaliza pretende impulsar a compostaxe como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable e que pemite dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural –compost- e xeren novos produtos, fomentando así a economía circular.

Nestes momentos están activos no Morrazo dous centros de compostaxe comunitaria do Revitaliza en Bueu (nas Lagoas e na rúa Xosé María Estévez), tres en Cangas (na avenida de Galicia, xardín de Andrea, e na avenida de Ourense), así como catro en Moaña (na avenida Concepción Arenal, na praza 25 de xullo, no CEIP REibón e na rúa Daniel Castelao).

Deja un comentario