+034 986 09 02 04 Luns 09 de Decembro de 2019

CERDEDO-COTOBADE INSERTA A 60 PERSOAS COAS DISTINTAS LIÑAS DO PLAN MUNICIPAL DE EMPREGO 2019


Cubela destaca que todas estas iniciativas “permiten actuar na área de emprego, que é a nosa prioridade, e rebaixar o paro en 200 persoas”
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de contratar e insertar laboralmente a 60 persoas ao longo do presente exercicio ao abeiro do Plan Municipal de Emprego 2019, que conta con distintas liñas e programas de acción orientados a favorecer a empregabilidade de decenas de veciños e a mellorar e reforzar os servizos públicos.

O Concello acaba de incorporar a unha quincena de traballadores, oito financiados con fondos propios e os outros sete cos recursos da segunda fase do Plan Concellos, que están a desenvolver distintas tarefas na Brigada Municipal de Obras, centrándose principalmente nestas semanas na limpeza e desbroces das pistas e camiños.

Nos meses anteriores, dispúxose de quince empregados coa primeira quenda do citado plan provincial –14 para Obras e o restante para labores administrativas para os expedientes de limpeza de fincas contra os lumes–, tres ao abeiro do programa do Risga orientados a traballos de limpeza, dez das dúas brigadas de prevención e extinción de incendios, tres como condutores de motobomba durante catro meses no marco do convenio con Medio Rural e os últimos 13 no seo do Obradoiro de Emprego Lérez-Verdugo, que estivo financiado pola Xunta con 288.000 euros nas modalidades de Forestal e Atención Sociosanitaria.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, destacou que todas estas iniciativas do Plan Municipal de Emprego “son fundamentais na nosa folla de ruta, xa que nos permiten actuar na área laboral, que é a nosa gran prioridade, para acadar uns óptimos resultados, xa que conseguimos rebaixar o paro en máis de 200 persoas en catro anos e xa estamos a piques de levar a desocupación por debaixo do listón dos 300 veciños”.

Ademais, o rexedor aclarou, ante certas informacións que apuntan a un lixeiro incremento do gasto de persoal, que “esta circunstancia está controlada e meditada e débese, sen quebrar en ningún momento a nosa política de contención, a que estamos a redobrar os esforzos en materia laboral para mellorar a inserción e empregabilidade dos nosos veciños e para reforzar aínda máis os servizos públicos e a atención aos cidadáns”. “Concorremos a todas as convocatorias e ordes de emprego e iso, aínda que poida aumentar o gasto, repercute moi positivamente en todo

o concello, xa que temos uns índices laborais, con case 60 persoas contratadas neste ano, e de servizos ao mesmo nivel ou incluso superior que moitos municipios de entre 10.000 e 20.000 habitantes”, concluiu Cubela.

Deja un comentario