+034 986 09 02 04 Xoves 12 de Decembro de 2019

CARBALLEDO ACOLLE ESTA FIN DE SEMANA O CONGRESO E CONCURSO INTERNACIONAIS DE GALGOS AFGANOS CON CASE 200 CANS


 Haberá concurso e exposición monográfica no pavillón o sábado pola mañá con participación de España, Francia, Italia, Portugal e Australia
A localidade de Carballedo vai acoller ao longo desta fin de semana un evento de gran importancia mundial coa celebración do Congreso e Concurso Internacionais de Galgos Afganos, que contarán coa presenza de case 200 cans desta raza chegados de diversos puntos de España, Portugal, Italia, Francia e Australia, entre outros países.

Esta cita canina vén de ser presentada na Praza do Concello polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; o concelleiro de Deportes, Bruno Portela; e Jaime Rodal, presidente do Club Español de Galgos Afganos Salukis (CEGAS) y demás Lebreles Extranjeros, que é a entidade organizadora coa colaboración do Concello.

Este evento comezará o sábado 31 de agosto pola mañá, dende as 9.30 horas, co concurso e a exposición monográfica destes cans no pavillón municipal de Carballedo. Haberá dous rings para avaliar aos mellores participantes, que se dividirán nas categorías de Galgos Afganos e Salukis, cuxa xuiza será Helen Gibson, e nas de Whippet e Piccolo, ditaminados por Bitte Arhens. Está previsto que a competición, aberta gratuítamente a veciños e visitantes, se desenvolva durante toda a mañá e os premios se entreguen sobre as 14.00 horas.

Xa pola tarde comezará o congreso, no salón multiusos da casa consistorial, coa presentación e as ponencias “O Coursing”, a cargo de Vlastislav Vojtek, e “Reproducción”, da man de Ana Paola Díaz. Esta primeira xornada rematará coa tradicional cea dos membros do clube.

Xa o domingo, continuará o congreso dende as 10.00 horas con dúas novas conferencias: “Puntos a destacar en Whippel e pequeno Lebrel italiano”, impartida por Bitte Arhens, e “Preparacion e presentación do Afgano”, protagonizada por Leigh Gibson. Finalmente, esta actividade concluirá cun debate aberto sobre a morfoloxía das razas.

Na presentación desta gran cita, Jaime Rodal quixo agradecer a “enorme colaboración” do Concello de Cerdedo-Cotobade para levar a cabo un certame internacional destas características e animou a todos os veciños e visitantes a achegarse ao pavillón para comprobar a beleza, o cariño e o bo comportamento desta raza de cans.

Pola súa banda, Jorge Cubela quixo agradecer a CEGAS a súa aposta polo concello “para celebrar un evento de relevancia mundial” e amosou o absoluto apoio do goberno local con esta actividade “tal e como facemos coas iniciativas de carácter internacional ou nacional ou aquelas que achegan a moita xente as nosas terras”. “Somos un concello de referenza na organización de certames deportivos, sociais ou culturais e son moitos os eventos que queren estar en Cerdedo- Cotobade e que practicamente enchen de actividade todas as fins de semanas”, manifestou o alcalde.

O rexedor, que convidou á veciñanza a que se achegue a esta cita, especialmente ao concurso e á exposición monográfica pola súa vistosidade e dinamismo, destacou que estes congreso e concurso “veñen de ateigar todos os aloxamentos e casas de turismo rural do noso municipio que admiten cans, o cal demostra que, ademais da importancia do evento, este trae consigo unha sinerxia socioeconómica de moita relevancia”.

Deja un comentario