+034 986 09 02 04 Luns 01 de Xuño de 2020

O Concello eleva á Xunta unha iniciativa de emprego xuvenil para formar a 16 menores de 25 anos


Solicítase a adhesión ao novo programa que pon en marcha Consellería de Traballo e Benestar e unha subvención de 126.514 euros para financialo

O Concello de Vilagarcía deseñou unha iniciativa para fomentar o emprego xuvenil co obxectivo de poñela en práctica a través da nova liña de axudas que acaba de convocar a Consellería de Traballo e Benestar para o desenvolvemento de Obradoiros de Emprego dirixidos a este colectivo de desempregados. Con este Obradoiro de Emprego a Área de Formación e Emprego pretende formar a 16 menores de 25 anos durante seis meses e baixo a modalidade de contrato de aprendizaxe. Para o sen desenvolvemento solicítase unha subvención de 126.514 euros aos que o Concello engadiría 6.000 máis.

A Xunta Local de Goberno aprobou onte o proxecto deseñado pola Área que dirixe Elena Suárez e acordou solicitar á subvención á Consellería de Traballo e Benestar. Para este novo Obradoiro solicitáronse dúas especialidades a efectos de formar aos participantes en Dinamización do tempo libre educativo infantil e xuvenil e en Operacións auxiliares na organización de actividades e funcionamento de instalacións deportivas.

Dado que nestes obradoiros impártese formación teórica que se completa coa realización de traballo práctico, na última parte do proxecto, os alumnos apoiarán ao persoal das concellerías de Educación, Xuventude e Deportes na realización das súas actividades.

Ata 30 anos para persoas con discapacidade

O programa diríxese a mozas e mozos desempregados, de entre 18 e 25 anos. Como excepción, a franxa d eidade amplíase ata os 30 anos para persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33% e que tamén deberán estar inscritas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

En curso a solicitude do Obradoiro de Emprego Castro Alobre

A proposta do obradoiro específico para menores de 25 anos súmase a iniciativa que tamén pretende poñer en marcha a Área de Formación e Emprego do Concello este mesmo ano para contratar a 45 desempregados maiores de 18 anos a efectos de formalos e que desenvolvan traballos de interese socio comunitario nas especialidades de atención sociosanitaria, carpintería e xardinería.

A solicitude de subvención para este segundo proxecto foi presentada á Consellería de Traballo e Benestar a semana pasada. A axuda requirida ascende a 400.843 euros á que o Concello sumaría 9.000 euros máis das arcas municipais.

En ámbolos dous casos, a celebración dos Obradoiros está pendente da resolución da administración autonómica. Unha vez se comunique a súa concesión, poranse en marcha os procedementos para convocar a selección de alumnos e profesores a través do Servizo Público de Emprego (antigo INEM).

Deja un comentario