+034 986 09 02 04 Venres 13 de Decembro de 2019

CORES TOURÍS CLAUSURA O OBRADOIRO “LÉREZ VERDUGO” NO QUE SE FORMARON 20 DESEMPREGADOS DA LAMA E CERDEDO-COTOBADE


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra recordou que nesta iniciativa os alumnos formáronse en atención sociosanitaria e mantemento de xardíns

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, clausurou esta mañá que o obradoiro “Lérez Verdugo” no que se formaron 20 desempregados do concello da Lama e de Cerdedo-Cotobade en atención sociosanitaria e mantemento de xardíns.

No acto, o delegado territorial, estivo acompañado dos alcaldes da Lama, Jorge Canda, e do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, así como do xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial.

O obradoiro denominado “Lérez Verdugo”, contou con 20 alumnos e unha achega da administración autonómica de 288.807 euros. Estivo centrado en atención sociosanitaria a persoas a domicilio e en instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, polo que os alumnos realizaron prácticas levando a cabo traballos de atención a persoas dependentes no seu domicilio en ambos concellos, así como no acondicionamento na ruta de senderismo “Cabenca-Cavanosa”, así como na realización de actividades de repoboación forestal no monte veciñas de Santa María de Tomonde. A maiores, tamén levaron a cabo actividades auxiliares en viveiros e xardinería no CEIP San Xoan Bautista de Cerdedo e en zonas verdes da praza do concello e na praia fluvial deste concello.

A principal novidade desta nova modalidade é que os participantes puideron combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas de polo menos tres meses máis nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro: “Tratamos así de combinar formación e aprendizaxe coa oportunidade dunha experiencia laboral”, explicou Cores Tourís. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

Os obradoiros duais forman parte do compromiso da Xunta coa formación, xa que, segundo o delegado territorial, esta é a chave que pode abrir as portas a un futuro de oportunidades laborais. Así, o Goberno galego inviste este ano 135 millóns de euros en medidas centradas na orientación e na cualificación para favorecer o acceso dos galegos e galegas ao mercado laboral, con cursos que se adapten aos novos perfís profesionais e ás demandas e necesidades reais do tecido empresarial.

“Con estes obradoiros cumprimos un dobre obxectivo: obter unha maior empregabilidade dos nosos desempregados e facilitar a recuperación do patrimonio cultural e paisaxístico”, engadiu José Manuel Cores Tourís.

O delegado territorial recordou que xa son 3 os obradoiros aprobados dende o ano 2010 no concello da Lama en colaboración con outros municipios veciños, “o que supón un investimento en formación por parte da Xunta de Galicia que rolda os 800.000 euros euros”.

En total, na provincia de Pontevedra desenvolvéronse no presente ano 26 obradoiros, 18 duais e 8 dirixidos a mozos de menos de 25 anos, nos que participaron 487 alumnos. No caso dos obradoiros duais, a novidade foi a combinación dun contrato de formación e de aprendizaxe durante nove meses. O investimento na provincia para obradoiros rondou os 6,4 millóns de euros.

Compre lembrar que a Administración autonómica está a destinar preto de 65 millóns de euros para mellorar a cualificación de case 16.800 persoas desempregadas a través de 1.100 cursos que se levarán a cabo entre 2019 e 2020. En canto aos obradoiros de emprego, entre 2019 e 2020 levaranse a cabo 80 programas mixtos de formación e emprego a través dos cales 1.500 desempregados recibirán formación e accederán a un posto de traballo.

Deja un comentario