+034 986 09 02 04 Xoves 05 de Decembro de 2019

VALONGO SERVIRÁ 5.000 FILLOAS ESTE SÁBADO NA SÚA FESTA GASTRONÓMICA, A MÁIS ANTIGA DE CERDEDO-COTOBADE


O certame culinario comezará ás 18.30 horas coa participación de vinte persoas e coa venda de filloas a un prezo de sete euros por ducia

A parroquia cotobadesa de Valongo vai celebrar este sábado, 31 de agosto, a 41ª Festa da Filloa, a cita gastronómica máis antiga do Concello de Cerdedo-Cotobade e na que se servirán máis de 5.000 filloas para os milleiros de visitantes que se agardan nesta edición que, como é habitual, enmárcase nas festas patronais da Virxe do Libramento.

Os festexos foron presentados esta mañá polo alcalde, Jorge Cubela, e representantes da comisión organizadora. Explicaron que o certame culinario comezará ás 18.30 horas e contará coa participación de trinta persoas, entre as que se atopan unha vintena de filloeiras colaboradoras que competirán polos distintos premios. Cómpre lembrar tamén que as filloas, que se elaborarán con leite financiada pola comisión de festas e fariña de Panadería Francisco, poranse á venda a un prezo de sete euros por ducia.

Polo demais, os organizadores amosaron a súa “ilusión” por esta nova edición e agradeceron a “grandísima colaboración” do Concello, que realizou diversas aportacións a esta tradicional cita para acadar “un programa tan completo”. Pola súa banda, Cubela felicitoulles pola “longa traxectoria” desta festa e por tela convertido “nunha importante referencia gastronómica das Terras de Pontevedra e de toda provincia”.

En canto ás festas da Virxe do Libramento, arrancan este venres, 30 de agosto, ás 21.00 horas cunha gran churrascada con posterior degustación de chocolate e rosca e coas actuacións de Prisma e Azar.

Xa o sábado, haberá un pasarrúas matinal do grupo de gaitas Os Catro Ventos, misa solemne ás
13.30 horas e, pola tarde, a Festa da Filloa coa actuación da Fanfarria Furruxa. Esta longa xornada pecharase coa verbena con Banda da Balbina, Ritmo Noche e Eme Music e cunha gran tirada de fogos de artificio.

Para finalizar, o domingo haberá, a mediodía, a entrega de trofeos da Festa da Filloa, a entrada musical da Banda da Brilat ás 12.30 horas e unha misa solemne cantada polo coro Os Chaneiros con posterior procesión acompañada pola citada banda.

Deja un comentario