+034 986 09 02 04 Sábado 07 de Decembro de 2019

CUBELA IMPULSA A MELLORA INTEGRAL DA ESTRADA CAROI-CERDEDO TRAS ACADAR DA XUNTA OS 2,6 MILLÓNS DE ORZAMENTO


A obra consistirá no ensanche e pavimentación nos oito quilómetros que pasan por Medelo, San Bartolomeu, Chamadoira, Viduído e Revolta

 

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acaba de anunciar o impulso definitivo do proxecto de mellora integral da estrada entre a parroquia cotobadesa de Caroi e a localidade de Cerdedo despois de acadar o compromiso de financiamento por parte da Xunta de Galicia, que asumirá integramente os 2,6 millóns de euros nos que está orzamentada esta actuación segundo o Plan Especial elaborado por Estudio Técnico Gallego.

Ante o gran interese do goberno local nesta obra, encargouse o correspondente Plan Especial para esta infraestrutura, que vén de ser entregado ao Concello e analizado polo rexedor e o seu executivo e inmediatamente remitido á Xunta de Galicia, que tamén sufragará os 90.000 euros do seu custo. Agora, o goberno galego deberá emitir o oportuno informe para o documento de inicio, para o cal dispón dun prazo máximo de dous meses, e posteriormente procederase á aprobación inicial do mesmo por parte do Concello.

“Tras conseguir os fondos necesarios para esta obra, coa que levamos loitando certo tempo, xa temos enfocada a tramitación administrativa, que sempre é farragosa pero necesaria, co obxectivo de que os traballos poidan adxudicarse ao longo do vindeiro ano”, explicou o rexedor.

A actuación, de gran calado, consistirá no ensanchamento da plataforma e a reposición do pavimento nesta estrada de oito quilómetros dende o centro de Caroi e ao seu paso polos lugares de Medelo, San Bartolomeu, Chamadoira, Capela, Peleteiros, Viduído e Revolta, aínda que nesta última aldea non se actuará na vía existente e se acometerá unha especie de pequena circunvalación de nova creación para contar cunha anchura axeitada para o tráfico simultáneo evitando a estreitez actual pola proximidade das vivendas.

“Tiñamos proxectada inicialmente unha pequena mellora desta estrada, orzamentada nuns
600.000 euros, pero quixemos ser máis ambiciosos porque cremos que o merecen os veciños de toda esta zona e por iso nos levou un pouco máis de tempo a xestión, pero creo que cumprimos e que demostramos novamente a nosa capacidade de negociación para acadar un novo e importante investimento para o noso concello”, detallou Cubela.

O alcalde engadíu que a ambiciosa mellora da estrada Caroi-Cerdedo demostra o propósito do goberno local de “actuar por igual en toda a gran rede de infraestruturas do noso concello, tanto nas parroquias máis céntricas ou comunicadas pola Nacional como nas periféricas, e cremos que, deste xeito, toda a zona alta quedará perfectamente conectada con esta actuación e a xa aprobada mellora da estrada coa Lama a través do lugar de Peso despois de que o alcalde Jorge Canda e máis eu conseguiramos recentemente os terreos e xa os puxeramos a disposición da Deputación”.

Deja un comentario