+034 986 09 02 04 Sábado 29 de Febreiro de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

ESGOTADAS EN SEIS MINUTOS AS 300 PRAZAS PARA A DEPOANDAINA QUE PERCORRERÁ ALDÁN E AS ILLAS CÍES


A expectación é tan grande que a lista da agarda de ata cen persoas tamén completouse nos primeiros minutos da mañá deste luns

No primeiro día de apertura do prazo e so en cuestión de minutos esgotáronse as 300 prazas que a Deputación de Pontevedra ofertou para a DepoAndaina que o vindeiro 29 de setembro percorrerá Aldán-Cangas e as Illas Cíes. Trátase da quinta das sete rutas programadas este ano pola institución provincial para fomentar hábitos de vida saudable e promover o turismo sustentable. O prazo abriuse hoxe luns ás 9 da mañá e en seis minutos as prazas estaban completas. Ademais, máis dun cento de persoas xa está en lista de espera para participar neste itinerario, para o que a inscrición na web da Deputación foi xa pechada.

A Depoandaina desenvolverase en sesión de mañá e tarde. Así, na ruta da mañá, as persoas participantes percorrerán o coñecido Bosque Encantado de Aldán, no concello de Cangas e, unha vez finalizada esta primeira andaina, desprazaranse ata as Illas Cíes, onde desfrutarán dun almorzo e realizarán posteriormente a espectacular ruta do Monte Faro. En total, a DepoAndaina suma 10,5 quilómetros (3 en Aldán e 7,5 en Cíes) e ten unha dificultade media. A Deputación habilitará autobuses que sairán dende a praza de Galicia, de Pontevedra, e da praza de España, de Vigo.

As DepoAndainas volverán despois xa en outubro, en que terán lugar as dúas últimas rutas das sete programadas: o día 6 polo monte de Santa Trega na Guarda e os muíños do Folón no Rosal (a inscrición abre o 23 de setembro) e o día 12 pola ruta da Pedra e da Auga de Ribadumia (abre o prazo o 30 de setembro).

Deja un comentario