+034 986 09 02 04 Xoves 12 de Decembro de 2019

O CONCELLO ACADA A SÚA CIFRA RÉCORD DE PAGO A PROVEDORES CON APENAS 21 DÍAS DENDE A PRESENTACIÓN DA FACTURA


A tesourería municipal tamén certifica o cumprimento do principio de estabilidade orzamentaria e da regra de gasto no primeiro semestre

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de pechar o seu balance económico do primeiro semestre do ano, no que se certifica que a tesourería vén de acadar unha cifra récord de pago aos provedores ao sufragar as facturas nun prazo medio de apenas 21,10 días dende a súa presentación no período correspondente ao segundo trimestre.

“Despois de fusionar as contas das dúas administracións, e cos conseguintes períodos de transición, estamos baixando constantemente os prazos dos pagos ás empresas e autónomos que traballan para o Concello e é algo que consideramos fundamental para que non teñan problemas de liquidez e financiamento”, explicou o alcalde, Jorge Cubela, que lembrou que a cifra de Pago Medio a Provedores (PMP) foise reducindo consecutivamente a 33 días, 27, 24, 22 e, agora, aos citados 21.

“Somos un Concello serio e responsable, coas contas saneadas, con constantes superávits, que dá moitos servizos e que cumpre coas súas obrigas e iso é algo que saben as empresas e autónomos que traballan con nós e que repercute moi positivamente nas labores que realizan para Cerdedo-Cotobade”, indicou o rexedor, que lembrou que tamén se está mantendo, por terceiro ano consecutivo, a débeda cero.

Así mesmo, e segundo se recolle no informe oficial dos servizos económicos correspondente coa primeira metade do ano, certifícase o cumprimento do principio de estabilidade orzamentaria e tamén o da regra de gasto. Todas estas cuestións déronse a coñecer, tal e como é preceptivo, no último pleno da corporación.

“Cremos que é fundamental cumprir con todos os parámetros legais, e o do pago a provedores é especialmente importante porque repercute directamente na vida de moitas empresas e familias, e seguir administrando e xestionando axeitadamente, con moita responsabilidade e rigor, os cartos públicos, porque son os de todos os veciños”, rematou Cubela, que recalcou que os cidadáns están tranquilos “porque saben que somos hiperescrupulosos á hora de manexar ata o último euro dos cartos do Concello”.

Deja un comentario