+034 986 09 02 04 Martes 19 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA INVISTE CASE 27.000 EUROS NAS OBRAS PARA A XESTIÓN DO LIXO TECNOLÓXICO EN SILLEDA


Carmela Silva destaca que as actuacións de adaptación do punto limpo á normativa española e europea estarán dispoñibles no primeiro trimestre de 2019

A Deputación de Pontevedra investirá 26.596,26 euros na adaptación do punto limpo de Silleda, co obxectivo de acondicionalo para a recollida e xestión dos Residuos Eléctricos e Electrónicos (RAEE). Unha iniciativa que permitirá o cumprimento da normativa europea e española sobre o tratamento do “lixo tecnolóxico”.
A Xunta de Goberno Provincial tomou hoxe coñecemento do inicio dos expedientes. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que agarda que, unha vez rematados os trámites de contratación das obras e as subministracións necesarias, o punto limpo estea plenamente operativo no primeiro trimestre de 2019.
Culminará deste xeito un proceso que comezou coa captación dos fondos europeos FEDER a través da primeira convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza POCTEP 2014-2020. Naceu así o proxecto Estraee (Estratexia Sostible para a Xestión de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) do que se están a beneficiar 9 puntos limpos doutros tantos concellos da provincia de Pontevedra, xunto con outros 9 situados en territorio portugués.
O orzamento total de licitación dos contratos de subministración e obras para a adaptación dos 9 puntos limpos da provincia incluídos é de 618.074,23 euros, que se reparten entre os 238.275 euros para as subministracións e outros 379.799,23 euros para as obras de reforma. A Deputación achega directamente 154.518,56 euros, o 25% do orzamento global.
No caso concreto de Silleda é necesario subministrar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e estanterías, transpaletas (máquinas para o movemento de palés) e, finalmente, subministración de equipos informáticos.
No que atinxe ás obras, no punto limpo silledense hai que demoler a soleira existente para mellorar a drenaxe de augas pluviais. Ademais, vaise instalar iluminación no almacén e construírse outro almacén, apegado ao existente, para a reutilización e mesmo utilizalo como almacén de RAEE en caso de saturación. Finalmente precísase un sistema de protección contra incendios e paneis indicativos. O custo de todas estas actuacións é de 26.596,26 euros e o prazo de execución, trala adxudicación do contrato, será de dous meses.
A Deputación de Pontevedra conseguiu os fondos FEDER e asumiu o liderado do proxecto Estraee, xunto con outros tres socios españois (Revertia, ERP España e Energy Lab) e dous portugueses (ERP Portugal e Liport).
Os RAEE, cuxo volume crece a un ritmo de entre un 18% e un 26% anual, supoñen xa 50 millóns de toneladas anuais no mundo, das que preto dun millón se producen en España. Trátase de residuos altamente contaminantes, dado que inclúen elementos que causan graves prexuízos ao medio ambiente.

Deja un comentario