+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA INVISTE 87.000 EUROS NAS OBRAS PARA A XESTIÓN DO LIXO TECNOLÓXICO NA BISBARRA DO SALNÉS


Carmela Silva destaca que as actuacións de adaptación dos puntos limpos de Vilagarcía de Arousa e Meaño á normativa española e europea estarán dispoñibles no primeiro trimestre de 2019

A Deputación de Pontevedra investirá 86.528,82 euros na adaptación dos puntos limpos de Vilagarcía e Meaño, na bisbarra do Salnés, co obxectivo de acondicionalos de cara á recollida e xestión dos Residuos Eléctricos e Electrónicos (RAEE). Unha iniciativa que permitirá o cumprimento da normativa europea e española sobre tratamento do “lixo tecnolóxico”.
A Xunta de Goberno Provincial tomou hoxe coñecemento do inicio dos expedientes. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que agarda que, unha vez rematados os trámites de contratación das obras e as subministracións necesarias, os puntos limpos estean plenamente operativos no primeiro trimestre de 2019.
Culminará deste xeito un proceso que comezou coa captación dos fondos europeos FEDER a través da primeira convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza POCTEP 2014-2020. Naceu así o proxecto Estraee (Estratexia Sostible para a Xestión de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) do que se están a beneficiar 9 puntos limpos doutros tantos concellos da provincia de Pontevedra, xunto con outros 9 situados en territorio portugués.
O orzamento total de licitación dos contratos de subministración e obras para a adaptación dos 9 puntos limpos da provincia incluídos é de 618.074,23 euros, que se reparten entre os 238.275 euros para as subministracións e outros 379.799,23 euros para as obras de reforma. A Deputación achega directamente 154.518,56 euros, o 25% do orzamento global.
Tanto en Vilagarcía como en Meaño é necesario subministrar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e estanterías, transpaletas (máquinas para o movemento de palés) e, finalmente, subministración de equipos informáticos.
No que atinxe ás obras no “ecocentro” de Vilagarcía, cun custo de 71.965,41 euros, vaise demoler a soleira existente para mellorar a drenaxe de augas pluviais; instalarase de iluminación no almacén e construirase un edificio sobre o actual, duns 207 metros cadrados, co obxectivo de aumentar a capacidade de almacenaxe e poder levar a cabo as labores de reutilización. Finalmente, será dotado dun sistema de protección contra incendios e paneis indicativos.
No caso de Meaño vaise demoler a soleira para mellorar a drenaxe das augas pluviais. Colocarase iluminación no almacén, modificaranse as portas de acceso e dotarase de sistema de protección de incendios. O custo previsto é de 14.562,42 euros.
A empresa que resulte adxudicataria das obras dispón dun prazo de tres meses para a execución das obras en Vilagarcía, mentres que disporá de 1,5 meses en Meaño.
A Deputación de Pontevedra conseguiu os fondos FEDER e asumiu o liderado do proxecto Estraee, xunto con outros tres socios españois (Revertia, ERP España e Energy Lab) e dous portugueses (ERP Portugal e Liport).
Os RAEE, cuxo volume crece a un ritmo de entre un 18% e un 26% anual, supoñen xa 50 millóns de toneladas anuais no mundo, das que preto dun millón se producen en España. Trátase de residuos altamente contaminantes, dado que inclúen elementos que causan graves prexuízos ao medio ambiente.

Deja un comentario