+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA INVISTE CASE 56.000 EUROS NAS OBRAS PARA A XESTIÓN DO LIXO TECNOLÓXICO NA BISBARRA DO VALMIÑOR


Carmela Silva destaca que as actuacións de adaptación dos puntos limpos de Gondomar e Nigrán á normativa española e europea estarán dispoñibles no primeiro trimestre de 2019

A Deputación de Pontevedra investirá 55.597,24 euros na adaptación dos puntos limpos de Gondomar e Nigrán, co obxectivo de acondicionalos de cara á recollida e xestión dos Residuos Eléctricos e Electrónicos (RAEE). Unha iniciativa que permitirá o cumprimento da normativa europea e española, vixente dende o ano 2015, para o tratamento do “lixo tecnolóxico”.
A Xunta de Goberno Provincial tomou hoxe coñecemento do inicio dos expedientes. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que agarda que, unha vez rematados os trámites de contratación das obras e as subministracións necesarias, os puntos limpos estean plenamente operativos no primeiro trimestre de 2019.
Culminará deste xeito un proceso que comezou coa captación dos fondos europeos FEDER a través da primeira convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza POCTEP 2014-2020. Naceu así o proxecto Estraee (Estratexia Sostible para a Xestión de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) do que se están a beneficiar 9 puntos limpos doutros tantos concellos da provincia de Pontevedra, xunto con outros 9 situados en territorio portugués.
O orzamento total de licitación dos contratos de subministración e obras para a adaptación dos 9 puntos limpos da provincia incluídos é de 618.074,23 euros, que se reparten entre os 238.275 euros para as subministracións e outros 379.799,23 euros para as obras de reforma. A Deputación achega directamente 154.518,56 euros, o 25% do orzamento global.
Nos “ecocentros” de Gondomar é Nigrán é preciso subministrar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e estanterías, transpaletas (máquinas para o movemento de palés) e, finalmente, subministración de equipos informáticos .
No que atinxe ás obras, no punto limpo de Gondomar vaise construír un almacén propio de RAEE, totalmente pechado, con soleira impermeabilizada e arqueta para recollida de posibles derrames. No nivel inferior haberá un edificio para almacén e reutilización. Instalarase iluminación e tamén de sistema de protección contra incendios e paneis indicativos. O orzamento concreto para este punto limpo é de 35.637,19 euros.
En Nigrán obrarase para dotalo de nova iluminación e colocación de portas corredoiras con peche de seguridade. Construirase un edificio no nivel superior, apegado ao existente, para reutilización que poderá ser utilizado tamén como almacén de RAEE. Tamén será dotado de sistema de protección antiincendios e paneis indicativos. O custo en Nigrán ascende a 19.960,05 euros. O prazo de execución en ámbalas dúas obras será, unha vez adxudicadas, de dous meses.
A Deputación de Pontevedra conseguiu os fondos FEDER e asumiu o liderado do proxecto Estraee, xunto con outros tres socios españois (Revertia, ERP España e Energy Lab) e dous portugueses (ERP Portugal e Liport).
Os RAEE, cuxo volume crece a un ritmo de entre un 18% e un 26% anual, supoñen xa 50 millóns de toneladas anuais no mundo, das que preto dun millón se producen en España. Trátase de residuos altamente contaminantes, dado que inclúen elementos que causan graves prexuízos ao medio ambiente.

Deja un comentario