+034 986 09 02 04 Luns 09 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA INVISTE CASE 68.000 EUROS NAS OBRAS PARA A XESTIÓN DO LIXO TECNOLÓXICO EN BUEU E A LAMA


Carmela Silva destaca que as actuacións de adaptación dos puntos limpos á normativa española e europea estarán dispoñibles no primeiro trimestre de 2019

A Deputación de Pontevedra investirá 67.891,40 euros na adaptación dos puntos limpos de Bueu e A Lama, co obxectivo de acondicionalos para a recollida e xestión dos Residuos Eléctricos e Electrónicos (RAEE). Unha iniciativa que permitirá o cumprimento da normativa europea e española, vixente dende o ano 2015, para o tratamento do “lixo tecnolóxico”.
A Xunta de Goberno Provincial tomou hoxe coñecemento do inicio dos expedientes. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que agarda que, unha vez rematados os trámites de contratación das obras e as subministracións necesarias, o punto limpo estea plenamente operativo no primeiro trimestre de 2019.
Culminará deste xeito un proceso que comezou coa captación dos fondos europeos FEDER a través da primeira convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza POCTEP 2014-2020. Naceu así o proxecto Estraee (Estratexia Sostible para a Xestión de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) do que se están a beneficiar 9 puntos limpos doutros tantos concellos da provincia de Pontevedra, xunto con outros 9 situados en territorio portugués.
O orzamento total de licitación dos contratos de subministración e obras para a adaptación dos 9 puntos limpos da provincia incluídos é de 618.074,23 euros, que se reparten entre os 238.275 euros para as subministracións e outros 379.799,23 euros para as obras de reforma. A Deputación achega directamente 154.518,56 euros, o 25% do orzamento global.
Nos “ecocentros” de Bueu e A Lama é preciso instalar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e estanterías, transpaletas (máquinas para o movemento de palés) e, finalmente, subministración de equipos informáticos.
No que atinxe ás obras, no punto limpo da Mancomunidade do Morrazo, en Bueu, está previsto construír un almacén para RAEE e reutilización, que estará totalmente cerrado, con soleira impermeabilizada e arqueta cega. Instalaremos iluminación no almacén e tamén protección contra incendios e paneis indicativos. A previsión de investimento é de 39.287,32 euros e o prazo de execución de dous meses, unha vez adxudicado o contrato.
En A Lama construirase no nivel superior un edificio para a reutilización dos residuos, instalarase iluminación no almacén e proveerase de sistema de protección contra incendios e paneis indicativos. O custo é de 28.604,08 euros e o prazo de execución tamén é de dous meses.
A Deputación de Pontevedra conseguiu os fondos FEDER e asumiu o liderado do proxecto Estraee, xunto con outros tres socios españois (Revertia, ERP España e Energy Lab) e dous portugueses (ERP Portugal e Liport).
Os RAEE, cuxo volume crece a un ritmo de entre un 18% e un 26% anual, supoñen xa 50 millóns de toneladas anuais no mundo, das que preto dun millón se producen en España. Trátase de residuos altamente contaminantes, dado que inclúen elementos que causan graves prexuízos ao medio ambiente.

 

Deja un comentario