+034 986 09 02 04 Martes 20 de Outubro de 2020

GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA VALORA O XIRO DO PP SOBRE A HOMOLOGACIÓN DO TÍTULO DA ESCOLA DE CANTERÍA E PÍDELLE QUE AGORA SEXA CONSECUENTE DEFENDENDO A SÚA TRANSFERENCIA Á XUNTA


Presenta unha emenda á moción dos “populares” para lembrarlles que o ensino regrado de ciclos de Formación Profesional pública só pode ser impartido pola Consellería de Educación

O Grupo Socialista da Deputación de Pontevedra, vén de emendar unha moción presentada polo Partido Popular para o seu debate no próximo Pleno provincial. Os socialistas están de acordo en que a Deputación inste á Xunta de Galicia a iniciar os trámites diante do Goberno de España para a homologación dos títulos da Escola de Cantería con dous novos ciclos de Formación Profesional. Non obstante, consideran que tamén debe reclamarse á Xunta sexa consecuente e asuma, de xeito inmediato, a transferencia da Escola coa súa integración plena na rede de centros da Consellería de Educación.
O grupo provincial socialista apoia a proposta dos populares (que supón un xiro radical sobre o votado polo PP o pasado mes de xuño no Parlamento Galego), pero quere facerlles ver as consecuencias deste acordo, dado que o Ensino regrado en tódolos niveis, incluída a FP, é competencia exclusiva da Xunta de Galicia. E, sendo a Escola de Canteiros, un centro público, a transferencia á Consellería de Educación sería inevitable. A Deputación, como Ente da Administración Local, non pode xestionar un centro público de ensino no que se expiden títulos oficiais de FP en base a un currículo educativo.
O deputado Carlos Font explica que unha eventual aprobación de calquera ciclo de Formación Profesional (sexa de grao medio, superior ou ámbolos dous) implicaría inmediatamente que a Xunta de Galicia pasaría a dispor dun novo centro educativo na Caeira (Poio).
Carlos Font, que defenderá a emenda, lembra que xa o pasado 4 de marzo aprobouse, por unanimidade, unha moción pola que a Deputación instou á Xunta a impulsar a creación destes ciclos. Un trámite que é longo e complicado, posto que debe modificarse o Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional a través do Instituto Nacional de Cualificacións (INCUAL). Neste expediente participan o Goberno do Estado, da comunidade autónoma, patronal e sindicatos e por elo, diante desta circunstancia, o grupo provincial socialista defende tamén na súa emenda que mentres non se produza a creación dos novos ciclos de Formación Profesional, a Xunta de Galicia inclúa a Escola de Canteiros no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego. Este trámite, para o que é competente a Administración galega, permitiría ao alumnado a rápida obtención dun título de ámbito laboral. Non obstante, para elo tamén será necesario que a Deputación consiga regularizar a situación urbanística, tras 33 anos de funcionamento en precario da Escola de Cantería, coa obtención da licenza municipal de actividade. Xa están en marcha as obras de adaptación á normativa sobre seguridade, contraincendios, contaminación acústica e accesibilidade, cun orzamento de 440.000 euros.
Finalmente, o deputado Font defenderá que a Xunta demostre ese interese que agora di ter pola homologación dos títulos do alumnado da Escola de Cantería, “achegando o mesmo financiamento que actualmente achega a Deputación de Pontevedra”.
Na parte expositiva da súa emenda o grupo socialista fai alusión ao recente debate, o pasado mes de xuño, na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia para instar á Xunta de Galicia a reclamar do Goberno do Estado á creación dos novos ciclos de FP. Sorprendentemente a proposta foi rexeitada co voto negativo do PP. “O curioso”, lembra Font, “é que o PP vén de presentar outra Proposición Non de Lei o pasado 26 de agosto no Parlamento galego que di exactamente o mesmo que en xuño votaron en contra”. “Os populares”, a xuízo do portavoz socialista na Deputación, “demostran unha gran “flexibilidade” votando unha cousa e a contraria”. “En todo caso”, conclúe, “hai que apoiar o xiro do PP cara o sentido común, aínda que iso non pode quedar en palabras e cómpre acompañalo coas decisións responsables que se reclaman nesta emenda”.
Os socialistas conclúen destacando que tamén durante o pasado mes de agosto, tense publicado no DOG a Orde da Consellería de Educación pola que se autorizan novos concertos educativos para o próximo curso. Destaca o incremento de catro novas unidades para Formación Profesional de Grao Medio e Superior a centros privados da provincia de Pontevedra. “Unha clara aposta polo Ensino privado que consolida a incuestionable traxectoria da Xunta de Galicia de recortar no Ensino Público e apostar polo privado”.

Deja un comentario