+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Decembro de 2019

CUBELA CONSEGUE O PERMISO DE INDUSTRIA PARA A RETIRADA DO POSTE ELÉCTRICO QUE BLOQUEA A OBRA DA ROTONDA DE CERDEDO


O alcalde agarda que os traballos, que levan nove meses paralizados, se reanuden no presente mes de setembro para rematar a glorieta

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou a consecución do correspondente permiso do departamento de Industria da Xunta de Galicia para a retirada e traslado do poste eléctrico que leva nove meses bloqueando a construción da rotonda oeste de Cerdedo, impulsada polo Ministerio de Fomento a petición do Concello para mellorar a seguridade vial neste cruce da estrada N-541.

O rexedor, que xa no mes de xullo lamentou a deixadez e retraso do departamento estatal e da empresa de distribución eléctrica Fenosa e que incluso remitiu unha carta esixindo unha solución inmediata, xestionou directamente co executivo galego o cambio desta infraestrutura nas últimas semanas e vén de acadar a autorización.

“Fixemos un requerimento a Fomento e falamos con Industria porque non era admisible que a obra levara tantos meses paralizada co conseguinte perxuízo para os veciños e acabamos de levar as xestións a bo porto, polo cal Fenosa xa pode trasladar o poste e, inmediatamente, o ministerio poderá seguir cos traballos para rematar esta glorieta”, significou o alcalde, que agarda, segundo as informacións que lle trasladaron, que as obras se reanuden ao longo do presente mes de setembro.

“Xa pasou co permiso de Patrimonio para o traslado dun hórreo protexido afectado por esta obra, que tivemos que xestionalo dende o goberno local, e agora volvemos a coordinar a consecución dunha nova autorización ante a deixadez e o pasotismo de Fomento que, como responsable do proxecto, é quen tería que facelo. Pero a nós non nos importa traballar en cousas alleas a nosa competencia sempre que repercutan no ben dos nosos veciños, que son o máis importante”, apostillou o alcalde.

Deste xeito, Cubela agarda que xa queden rematados “os atrancos e as excusas” e que o ministerio impulse de xeito responsable e áxil o remate desta rotonda “co obxectivo de que estea lista para regular o tráfico neste punto antes do inverno”.

Deja un comentario