+034 986 09 02 04 Sábado 16 de Novembro de 2019

A XUNTA APOIA A POSTA EN MARCHA DO MUSEO DO CAMPO E DA AUTOMOCIÓN AGRÍCOLA NO RECINTO FEIRAL DA SEMANA VERDE DE GALICIA EN SILLEDA


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda visitou hoxe o edificio que albergará as novas instalacións
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o edificio que albergará o futuro Museo do Campo e da Automoción Agrícola de Galicia, que tal e como e indicou o vicepresidente abrirá as súas portas próximamente no Auditorio do Recinto Feiral da Semana Verde.

A Fundación Semana Verde firmou en abril de 2018 o convenio a través do cal cedeu á Fundación do Campo Galego o edificio do auditorio do recinto ferial de Silleda, que conta cunha superficie de máis de 4.400 metros cadrados, para acoller estas novas instalacións. A cesión do espazo fíxose por 23 anos, ata 2040.

O futuro museo conterá un percorrido pola historia do campo galego e a súa mecanización, incluíndo contidos informativos e divulgativos sobre a evolución das tecnoloxías aplicadas ao sector primario durante o século XX. Ademais, servirá de marco para a promoción de cursos, seminarios e outras actividades pedagóxicas, aproveitando as sinerxías que se poidan xerar coa programación da Fundación Semana Verde.

A previsión da Fundación do Campo Galego é que o museo reciba unha media de 25.000 visitas ao ano. O espazo non só permitirá aos visitantes coñecer o desenvolvemento do rural galego, senón que pretende ser tamén un punto de encontro para profesionais e expertos, xa que o seu fondo documental será ideal para preparar teses de doutoramento e estudos. O Museo estará pilotado pola Fundación do Campo Galego, na que participan a Fundación Jorge Jove, Abanca, a Asociación galega de amigos da maquinaria agrícola clásica (Agamac) e a Universidade de Santiago de Compostela.

O Consello da Xunta tamén autorizou o mes pasado outro acordo de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Fundación do Campo Galego para apoiar a posta en marcha dun espazo cultural e formativo sobre os labores do campo e a mecanización agraria. Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), aporta 145.000 euros, para levar a cabo as obras pertinentes, tales como a construción dunha cova do paleolítico e dun castro celta, ademais de tótems e gráficas. A iniciativa enmárcase dentro dos chamados “proxectos senlleiros” que desenvolve Agader.

Deja un comentario