+034 986 09 02 04 Sábado 07 de Decembro de 2019

CUBELA E FEIJÓO PROGRAMAN OS SERVIZOS E OS INVESTIMENTOS PARA OS VINDEIROS CATRO ANOS EN CERDEDO-COTOBADE


O Concello conta cunha decena de actuacións dependentes do executivo galego cun orzamento global superior aos 9 millóns de euros

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo en Santiago de Compostela para programar os servizos públicos e os investimentos que se desenvolverán no municipio durante os vindeiros catro anos. Así, co horizonte do ano 2023, repasaron todas as obras en marcha e tamén analizaron novos proxectos.

En concreto, sobre a mesa de traballo abordáronse unha decena de actuacións dependentes do executivo galego que están activas ou xa deseñadas para o Concello de Cerdedo-Cotobade e que suporán un orzamento global superior aos 9 millóns de euros.

Así, falouse do saneamento de Tenorio, que está en marcha con 1,8 millóns de euros de custo e a previsión do seu remate en 2020; a residencia da terceira idade de Cerdedo, tamén en obras cun investimento de 1,7 millóns de euros e un cronograma de finalización para o vindeiro ano; as obras de rehabilitación funcional do CEIP de Tenorio, orzamentadas en 600.000 euros e que están a piques de concluir; ou a segunda fase do Centro de Fauna Salvaxe de Carballedo, que xa está adxudicada e á que se destinarán 300.000 euros.

Tamén se comentou a situación da segunda fase da rehabilitación das vivendas de mestres de Cerdedo, en licitación por 750.000 euros; o Plan Especial para a mellora integral da estrada Cerdedo-Caroi por 2,6 millóns de euros; o recente remate da primeira fase da reforma da estrada PO-230 Serrapio-Vichocuntín e a necesidade de abordar a súa continuidade; ou a conclusión da obra na estrada PO-234 Augasantas-Portasouto e o próximo inicio dos traballos para darlle continuidade ata Ponte Caldelas.

Ademais destas cuestións, Cubela informou ao presidente de que a rehabilitación integral dos Baños de San Xusto, financiada pola Xunta con 686.000 ao abeiro do primeiro Pacto pola Paisaxe de Galicia, está en fase de contratación e de que o Concello desenvolve diversos plans, algúns vangardistas na nosa comunidade, de implantación de depósitos de augas por todo o

territorio, de prevención e loita contra os lumes forestais e de melloras ambientais tanto no servizo de lixo como no coidado do medio natural.

“Foi unha reunión moi satisfactoria, como todas co presidente porque é moi sensible ás nosas demandas, e serviu para poñer as bases do que van a ser os servizos e os investimentos que os veciños de Cerdedo-Cotobade se merecen para os catro próximos anos”, detallou Cubela, que engadíu que agora perfilará todos os proxectos pormenorizadamente cunha xira de encontros, a manter nos vindeiros meses, con todos os conselleiros da Xunta.

Deja un comentario