+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

CARMELA SILVA ESIXE QUE A XUNTA COMECE A REPARTIR CON CRITERIOS OBXECTIVOS OS 390 MILLÓNS EUROS PARA POLÍTICAS LOCAIS QUE MANEXA NOS SEUS ORZAMENTOS


A presidenta da Deputación de Pontevedra participou nas Xornadas sobre Gobernanza Provincial organizadas polos socialistas ourensáns e puxo en valor o Plan Concellos, que transfire directamente aos municipios o 30% dos recursos provinciais
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, defendeu onte, durante as xornadas de Democracia e Boas Prácticas na Gobernanza Provincial, organizadas polo PSdeG-PSOE provincial de Ourense, que tódalas Administracións repartan os cartos cos que financian as actuacións no eido local en base a criterios obxectivos. Neste senso criticou especialmente que a Xunta de Galicia reserve 390,3 millóns de euros nos Orzamentos Xerais deste ano para políticas municipais, pero só os 122 millóns correspondentes ao Fondo de Cooperación Local se distribúan en base a criterios taxados. Nas xornadas participaron tamén o secretario dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero; o portavoz parlamentario, Xaquín Fernández Leiceaga, e os presidentes das deputacións de A Coruña, Valentín González Formoso, e de Lugo, José Tomé.
Carmela Silva amosou unha táboa, con datos oficiais do Ministerio de Hacienda do Goberno de España, que demostra que a Deputación pontevedresa transfire directamente aos concellos da provincia un 30% dos seus recursos totais, mentres a media das deputacións de España está no 17,09% e a Deputación de Ourense queda nun 0,06%, porcentaxe que Silva cualificou como “un drama e un auténtico escándalo, porque unha cousa é a democracia e outra o caciquismo”.
A presidenta da Deputación denunciou, asemade, que a Xunta de Galicia tan só dedica ao Fondo de Cooperación Local o 2,3% dos tributos que recada ás galegas e galegos e, por tanto, esta é a porcentaxe que compre comparar co 30% que a Deputación transfire directamente aos concellos “para que sexan os alcaldes e alcaldesas os que decidan en que obras, investimentos ou servizos se gastan os recursos públicos”. Reclamou, por tanto, o incremento desa porcentaxe e, cando menos que a totalidade dos fondos destinados pola Xunta aos concellos se transfiran con criterios regrados e non partidistas.
Durante a súa exposición sobre o Plan Concellos explicou que a Deputación de Pontevedra transfire a concellos gobernados polo PP un 44,97% do total de 43 millóns de euros cos que o Plan Concellos está dotado este ano. Os municipios con alcalde ou alcaldesa socialista reciben o 26,64%; os que están dirixidos polo BNG, o 14,8% e, finalmente, os que teñen dirixentes independentes, o 13,6%. Pero se se mira o investimento por habitante son os concellos gobernados polos independentes (con 373 euros por habitante) os máis beneficiados. “E iso é así porque o Plan Concellos repártese con criterios obxectivos que son os de poboación, dispersión territorial e extensión”. “É así na provincia de Ourense?”, preguntouse.
“A xente ten dereito a dispor dos mesmos servizos viva onde viva e o xeito de garantilo é cun financiamento xusto que teña en conta criterios obxectivos; só así evitaremos o despoboamento”, destacou.
A presidenta provincial lembrou que o PP tamén gobernou a Deputación de Pontevedra con criterios caciquís e clientelares ata o ano 2015. En vez dun Plan Concellos, explicou, había catro plans nos que o anterior presidente, Rafael Louzán, reservábase un 20% de libre disposición para distribuír discrecionalmente. “Calculamos que entre 2009 e 2015, Louzán repartiu a dedo 72 millóns de euros aos alcaldes e alcaldesas do PP”, denunciou.
Carmela Silva rematou a súa intervención nestas xornadas sobre Gobernanza provincial recalcando que tódalas Administracións deben asignar os recursos aos concellos “con equidade e pensando nas necesidades da xente”.

Deja un comentario