+034 986 09 02 04 Sábado 07 de Decembro de 2019

TENORIO E FILGUEIRA CELEBRAN AS SÚAS FESTAS, QUE INCLÚEN A CARREIRA DO TIRO DO CARRO NA ALDEA CERDEDENSE


As Festas do Rosario, o Carme e San Roque de Tenorio durarán catro días e inclúen a actuación estrela de El Combo Dominicano

A aldea de Filgueira, na parroquia cerdedense de Castro, acolle esta fin de semana as súas Festas da Virxe dos Remedios, que contarán como principal atractivo coa decimocuarta edición da Carreira do Tiro do Carro, na que se repartirán 600 euros e produtos gastronómicos en premios para os gañadores. Así mesmo, esta fin de semana o concello tamén acollerá, ademais das festas de Aguasantas, as celebracións patronais de Tenorio na honra do Rosario, o Carme e San Roque.

En canto á espectacular competición, que se celebrará este sábado desde as 18.30 horas, consistirá nun percorrido de 120 metros, cos derradeiros vinte cunha forte pendente e unha curva pechada de 90 graos, que os participantes deberán realizar no menor tempo posible cun xugo sobre os ombreiros para arrastrar un carro de vacas tradicional. Por categorías, haberá 100 euros, dous xamóns e dúas botellas de viño para os gañadores nas categorías masculina e feminina; 100 euros e dúas botellas de viño para os segundos clasificados; e 50 euros e dúas botellas para os terceiros. Así mesmo, na categoría individual –unificando estas dúas– premiarase con 50 euros, botella de viño e xamón ao primeiro; 25 euros e unha botella para o segundo; e 25 euros para o terceiro.

Polo demais, as festas de Filgueira arrancarán mañá, sábado 7, cun pasarrúas a cargo da agrupación Algueirada, misa solemne ás 12.00 horas cantada polo Coro de Cerdedo, animación de tarde coa charanga Radio Tropical, a citada Carreira do Tiro do Carro, a verbena con CQC e Arena e a actuación do humorista estradense Pablo Chichas. Os festexos despediranse o domingo cunha misa solemne cantada polo Coro Rociero.

Respecto ás festas de Tenorio, prolongaranse durante catro días ata o martes e comezarán mañá con pasarrúas de tarde e concerto da Banda de Cerdedo e verbena con Estrellamar e a disco móbil de Kyoto FM. Xa o domingo, actuarán Os Trazantes e a Banda de Música de Tenorio, haberá misa solemne cantada polo coro parroquial e a verbena contará con Compostela e Passarela.

O luns 9, ademais da misa solemne, actuarán ao longo do día a charanga Charandonga e a Banda da Escola de Música de Tenorio, mentres que a noite estará protagonizada polas orquestras Gran Parada e Huracán. Finalmente, o martes 10 haberá o oficio solemne cantado polo coro parroquial, actuará o grupo folclórico Foula e a verbena de despedida correrá a cargo de Capitol e da actuación estrela con El Combo Dominicano.

Deja un comentario