+034 986 09 02 04 Domingo 18 de Novembro de 2018

Porriño dixo adeus ao carnaval co Enterro da Sardiña


Tras dúas horas de velorio no Círculo Recreativo Cultural, arredor das 18:30 horas, o cortexo fúnebre comezou o seu periplo polas rúas da nosa vila acompañado pola tuna Santa Eulalia de Atios, finalizando o seu percorrido na ponte do Valo onde, tras ler o testamento, centos de persoas puideron ver como a Sardiña e con ela o Carnaval 2015, ardían a beiras do Louro

O mal tempo non impediu que esta tarde centos de viúvas desconsoladas despedisen como merece a Sardiña en Porriño, e con ela, ao carnaval deste ano. Dende as 17:00 horas, momento en que o Círculo Recreativo Cultural abriu as súas portas para celebrar o velorio, puidéronse oír os esgazados lamentos e o choro desesperado dos moitos que se achegaron a dar o seu último adeus a estes días de festa como manda a tradición.
Arredor das 18:30 horas, o cortexo fúnebre comezou o seu periplo polas rúas da nosa vila acompañado pola tuna Santa Eulalia de Atios que, abrindo a comitiva dedicou unha sentida marcha fúnebre arrancando o aplauso dos centos de veciños e visitantes que alí se encontraban.
Apesadumbrados, como require a ocasión, pero sen deixar de bailar nin un momento, o cortexo fúnebre, formado polos máis de 1500 integrantes das comparsas participantes no carnaval deste ano, chegou á Praza Arquitecto Antonio Palacios onde, a ritmo de música, se procedeu a ler as últimas vontades. Deseguido, continuou a marcha ata A ponte do Valo onde, tras ler o testamento, centos de persoas puideron ver como a Sardiña, e con ela o Carnaval 2015, ardían a beiras do Louro, poñendo punto e final a unha semana de celebración na que Porriño, un ano máis, viviu un multitudinario carnaval.

Deja un comentario