+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

UN TOTAL DE 32 ESTUDANTES DE SEXTO DE MEDICINA REALIZAN DENDE HOXE O SEU ÚLTIMO CURSO NO COMPLEXO HOSPITALARIO UNIVERSITARIO DE PONTEVEDRA


Responsables da EOXI deron a benvida aos alumnos, que rotarán por diversos servizos especializados dos hospitais Montecelo e Provincial, do centro de especialidades de Mollabao e do centro de saúde de A Parda
Un total de 32 estudantes de 6º de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela inciaron hoxe o seu curso académico no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Responsables da Dirección da EOXI de Pontevedra e O Salnés deron a benvida esta mañá no hospital Montecelo aos alumnos, que estiveron acompañados por varios representantes da Comisión de Docencia desta área sanitaria. Ao longo da presente semana, estes 32 alumnos comezarán o seu plan de formación práctica, no que rotarán por diversos servizos especializados dos hospitais Montecelo e Provincial, do centro de especialidades de Mollabao e do centro de saúde de A Parda.

Divididos en dous grupos, os estudantes levarán a cabo rotacións regladas e obrigatorias polos servizos de Pediatría, Obstetricia e Xinecoloxía, Psiquiatría, Medicina Interna, Urxencias, Cirurxía Xeral e Medicina Familiar, baixo a supervisión dos seus titores. Así mesmo, tamén terán a oportunidade de achegarse a outros servizos do hospital, xa sexan da área médica, cirúrxica ou médico-cirúrxica, para finalmente ser avaliados ao remate do curso académico.

Quinto ano impartindo Especialidade
Este é o quinto ano no que no Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés se impartirá de forma completa o último curso da Especialidade, trala súa declaración como hospital universitario en decembro de 2012. Grazas a este plan de formación, os estudantes benefícianse de poder realizar a totalidade do último curso de Medicina nun entorno hospitalario de recoñecido prestixio, tanto polas súas instalacións como polos seus profesionais, a través dun completo programa rotatorio de prácticas, no que contarán de xeito continuado co apoio dun titor coordinador. No que atinxe ao plan de formación, as liñas de traballo deste programa afondarán nas competencias máis específicas, afianzando os coñecementos globais previos, acadando un maior aproveitamento dos recursos do Servizo Galego de Saúde e a homoxeneización da docencia no eido sanitario.

Deja un comentario