+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

A ACTUACIÓN DA CORAL “BELLA HELENES” PROTAGONIZA O DERRADEIRO DÍA DAS FESTAS DO PELETE NA HONRA DA VIRXE DOS REMEDIOS


Os veciños procesionaron arredor da igrexa e do carballo centenario acompañados polos acordes da Banda de Música Unión de Guláns

 

A actuación da Coral “Bella Helenes” de Pontevedra marcou os actos organizados no Pelete (Covelo-A Lama) na honra da Virxe dos Remedios e que tivo nunha misa cantada e na procesión arredor da igrexa e do carballo centenario o seu momento máis emotivo.

Centos de veciños do Pelete e de diversos lugares da comarca do Verdugo-Oitavén, entre os que se atopaban tamén o tenente de alcalde do Concello da Lama, David Carrera, e o concelleiro José Fortes, déronse cita diante da capela da Virxe dos Remedios para asistir á misa solemne de campaña oficiada polo cura párroco don Juan Manuel Fernández e que contou coa participación da Coral “Bella Helenes” do Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra.

Ao rematar o oficio relixioso a directora da coral tomou a palabra e adicou aos presentes “La Virgen Rociera” que foi cantada na honra do Pelete adaptando a popular canción a esta localidade do concello da Lama. Acto seguido procedeuse a realiza-la tradicional procesión que partiu das inmediacións da capela da Virxe dos Remedios e circundou todo o espazo festivo pasando por debaixo dunha das polas do carballo centenario do Pelete.

A continuación tivo lugar un concerto a cargo da Coral “Bella Helenes” con pezas que foron intercalando un repertorio popular que motivou o aplauso e o agradecemento do numeroso público presente, entre os que se atopaban moitos emigrantes residentes en México que aproveitan esta celebración para pasar uns días de vacacións na compaña das súas familias.

Deja un comentario