+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

SOUTOMAIOR RECUPERA O ZONAL AZUL NO CENTRO DE ARCADE PARA REVITALIZAR O COMERCIO LOCAL


A medida foi solicitada por comerciantes e veciños para fomentar a rotación do aparcamento durante o horario comercial
Tras dúas semanas de campaña informativa na que só se avisaba aos condutores, o Concello de Soutomaior puxo en marcha esta mañá a zona azul no centro de Arcade. A iniciativa de recuperar a regulación horaria non supoñerá ningún custo para os condutores e pretende axilizar a rotación do aparcamento durante o horario comercial para facilitar que os veciños poidan realizar as súas xestións e compras no pequeno comercio local.
A regulación de aparcamento limitarase a catro viarios do centro urbano de Arcade. A zona azul afectará as rúas de Portal do Ribeiro, Rosalía Castro e a marxe dereita, en sentido Pontevedra, de José Solla e de Roxelio Landeiro. Nelas, o tempo máximo establecido para o aparcamento continuado será dunha hora e media, “un tempo razoable para realizar varias xestións”, explicou o alcalde, Agustín Reguera.
O aparcamento regularase a través dun disco horario que os interesados poderán solicitar nas oficinas do Concello, na biblioteca municipal ou á Policía Local de Soutomaior. O custo da sanción por incumprir a normativa de aparcamento será de 12 euros, “pero o disco é gratuíto porque esta non é unha medida recadatoria”, indicou Reguera recalcando que “o aparcamento seguirá sendo gratis, o que pretendemos é facer que Arcade sexa máis cómodo e accesible para todos”.
Así, aínda que a entrada en vigor do aparcamento regulado xa é un feito, durante algúns días, segundo indicou o alcalde, “mesmo admitiremos un simple papel que anticipe a hora de chegada do condutor por se alguén non puido conseguir un disco”. O Concello xa distribuíu máis de 2000 discos horarios entre todos os solicitantes.

Deja un comentario