+034 986 09 02 04 Mércores 23 de Setembro de 2020

MÁIS DE 130 PERSOAS PARTICIPARÁN EN ORIENTA-TEA 2019


Esta proba de orientación nocturna organizada polo Concello de Mondariz pechou o proceso de incrición con 35 equipos

Este sábado, a praia fluvial do Val, en Mondariz, será escenario dunha nova edición da proba de orientación nocturna Orienta-Tea. A partir das 20:30 horas, un total de 132 persoas organizadas en 35 equipos de 2 e 5 membros terán que superar unha serie de retos na contorna do río Tea para acadar un dos premios para os tres primeiros clasificados.

Máis que a competencia, esta actividade busca fomentar o deporte, a cooperación e o coñecemento do medio natural. A proba deste ano consistirá nun percorrido a pé por áreas maioritariamente boscosas, cun mapa coma única axuda. Os participantes deberán localizar determinados puntos nun tempo máximo de 3 horas. Ademais, terán que superar varios retos, tanto físicos como cognitivos (preguntas sobre natureza, xeografía, historia, cultura,…) para acumular o maior número posíbel de puntos.

Entre os participantes figuran persoas de toda a provincia de Pontevedra. Ademais de Mondariz, veñen de Vigo, Pontevedra, Cangas, Porriño, Ponteareas, Tomiño, Gondomar, Salceda de Caselas,… O proceso de incrición rematou o pasado 10 de setembro, cunha gran demanda durante os últimos días.

O Concello de Mondariz está especialmente comprometido coa protección do medio natural, polo que agarda que todas as persoas participantes respecten e coiden o lugar que acollerá a proba de orientación nocturna. Esta actividade discorrerá por ambas marxes do río Tea, un espazo protexido da Rede Natura 2000.

Debido ao seu carácter nocturno, cada participante deberá levar unha fonte de luz (lanterna ou frontal) durante o desenvolvemento da proba. A distancia a percorrer, supoñendo que cada equipo faga todo o circuíto, ronda os 12 km.

Deja un comentario