+034 986 09 02 04 Xoves 12 de Decembro de 2019

A ESTRUTURA PRINCIPAL DA NOVA RESIDENCIA DE CERDEDO REMATARASE A VINDEIRA SEMANA E DARÁ PASO Á ALBANELERÍA


As obras do novo xeriátrico van a bo ritmo e están a cumprir os prazos, polo que se agarda a súa conclusión para o mes de abril

A empresa Ogmios Proyecto vai culminar a fase principal do proxecto de construción da nova residencia da terceira idade de Cerdedo, xa que a vindeira semana está previsto que remate a estrutura xeral coa execución do derradeiro forxado de formigón da planta. Deste xeito, dende a segunda quincena do presente mes de setembro arrancarán os traballos de albanelería.

Con esta situación, e segundo informaron os responsables desta obra, o novo xeriátrico estase desenvolvendo a bo ritmo e vanse cumprindo os prazos, polo que mantense o agardado final dos traballos para o mes de abril de 2020. De non mediar ningún atranco no próximo inverno, o recinto estará acabado na primavera e poderá comezar a equiparse e a realizar os demais trámites administrativos co obxectivo de que abra as súas portas entre finais do vindeiro ano e comezos de 2021.

O novo xeriátrico público, que contará con 48 prazas e disporá a posibilidade de que o Concello reserve prazas para a atención aos veciños que a poidan precisar, supón un investimento integral da Xunta de Galicia de 1,7 millóns de euros, xa que a obra foi contratada por 1,45 millóns e os 250.000 euros restantes destinaranse ás direccións de obra, estudos, equipamentos e dotación de mobiliario.

A futura residencia disporá de 24 habitacións dobres en dúas prantas e numerosos espazos comúns e de servizos e estase edificando en dúas parcelas lindeiras ao actual centro de maiores. Unha vez rematada esta importante actuación, a actual residencia reconverterase exclusivamente en centro de día cunha oferta de trinta prazas, o que permitirá completar a modernización da rede xeriátrica da localidade con 78 prazas nas dúas modalidades: residentes e atención diurna.

Ante o avance das obras, o alcalde, Jorge Cubela, amosou a súa satisfacción, “xa que co remate da estrutura principal actívase a conta atrás para dispor dunha das mellores residencias de Galicia coa que prestar a atención óptima aos nosos maiores e dependentes e tamén a outros que poidan vir dende calquera punto de Galicia”.

Deja un comentario