+034 986 09 02 04 Luns 27 de Xaneiro de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA LEVA A MOS A EXPOSICIÓN “A GAITA NA MÚSICA TRADICIONAL GALEGA”


 

A mostra sobre a historia o paradigmático instrumento da música galega poderá visitarse no Pazo de Mos desde este venres 13 de setembro ao 20 de outubro

A mostra “A gaita na música tradicional galega” da Deputación de Pontevedra poderase visitar desde este venres, día 13 de setembro, ao 20 de outubro no Pazo de Mos. A apertura da exposición enmárcase na celebración do Festival Intercéltico Son do Pazo, aínda que permanecerá neste concello aínda despois da súa finalización.

Esta exposición repasa a través de dez paneis a historia da gaita desde a súa aparición nun formato rudimentario na antiga Mesopotamia no ano 2000 AC, onde xa se rexistra de unir unha bolsa ou fol a un tubo sonoro, ata a actualidade, con paradas en fitos e cuestións particulares, como a figura do gaiteiro anónimo, o concurso de Ponteareas, a historia da Asociación de Gaiteiros Galegos, ou o único museo dedicado exclusivamente á gaita de fol, como é a Casa da Gaita de Viascón.

A mostra pretende poñer en valor o que se considera o instrumento paradigmático da música galega, ao que diferentes autores e autoras dedican especial atención, desde Casto Sampedro no seu “Cancioneiro Musical de Galicia” ata estudosos actuais como Xesús Ferro Ruibal, María do Carme Novoa ou María Pilar Alén.

Ademais, rende tamén homenaxe á figura do gaiteiro ou gaiteira, que ven desempeñando un papel musicalmente preponderante na sociedade xa desde o Imperio romano, onde os tibicen e os auletes practicaban un tipo de música reservada para os rituais, espectáculos públicos e grandes celebracións. Este foi o papel na sociedade rural ata ben entrado o século XIX, e nalgunhas áreas remotas máis alá da metade do século XX.

“A gaita na música tradicional galega” está comisariada polo investigador e gaiteiro Xaime Estévez; o historiador Carlos Collazo e a xestora cultural Ana Costas e conta coa participación da Asociación de Gaiteiros Galegos, o obradoiro Gil de gaita tradicional, Pablo Carpintero. Inclúe numerosas fontes bibliográficas, deseños e fotografías dos fondos do Museo de Pontevedra.

Esta mostra da Deputación de Pontevedra xa percorreu os concellos de Ponteareas, Cerdedo-Cotobade, Soutomaior, Moaña, Mondariz, Rodeiro, Cangas e proximamente irá a Portas.

Deja un comentario