+034 986 09 02 04 Venres 22 de Novembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

SILLEDA ACOLLE ESTE DOMINGO A SEGUNDA PROBA DAS “DEPORUTAS BTT” DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA


 

Preto de 150 persoas realizarán un percorrido de 31,88 quilómetros que discorre por lugares tan emblemáticos como a Igrexa do Castro, Carboeiro ou a Fervenza da Toxa

O concello de Silleda acollerá este domingo a segunda proba das “DepoRutas BTT” da Deputación de Pontevedra, iniciativa para fomentar o deporte e o turismo sustentable, na que están inscritas preto de 150 persoas. Deste xeito, ás 10:30 horas comezará un percorrido circular de 31,88 quilómetros por zonas de carballeiras e camiños estreitos da vila.

A DepoRuta BTT de Silleda ten como punto de saída a Praza da Feira da vila de Bandeira, onde comezará a subida por zonas de carballeiras e camiños estreitos ata o punto máis alto da ruta. Posteriormente as e os participantes descenderán ata a igrexa do Castro para, a continuación, dirixirse ata o impresionante Mosteiro de Carboeiro, onde está o avituallamento intermedio da ruta. Despois, as persoas participantes cruzarán polo río Deza, pasando polo concello de Vila de Cruces, e por último vanse dirixir á coñecida Fervenza da Toxa. Dende este punto porán rumbo cara o punto de partida.

Tras a cita deste domingo en Silleda, a seguinte DepoRuta BTT terá lugar o 29 de setembro en Nigrán. Para esta proba o prazo de inscrición para as 300 prazas dispoñibles estará aberto a partir do próximo luns 16 de setembro na web da Deputación de Pontevedra. Posteriormente, o 20 de outubro, celebrarase en Salceda de Caselas; e, por último, o 27 de outubro será a quenda da DepoRuta BTT de Cangas.

O programa «DepoRutas BTT» ofrece 5 rutas totalmente gratuítas e cun máximo de 300 participantes en cada unha delas. O obxectivo da iniciativa da Deputación de Pontevedra é fomentar o deporte á vez que se pon en valor os montes da provincia, a súa riqueza natural, ecolóxica e patrimonial inigualable. O programa está dirixido a todas aquelas persoas maiores de 16 anos que gocen do deporte en contacto coa natureza.

Deja un comentario