+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

ANXELA E MARA RECUPÉRANSE NO CAAN TRAS SER RESCATADAS DUN CONTEDOR EN CUNTIS


As crías, de so dous días de vida, foron recollidas polo persoal do Centro de Acollida da Deputación en Armenteira e xa están a ser aleitadas por unha cadela

No que vai de ano 2019 o servizo do CAAN recolleu a 563 cans en distintos concellos da provincia. Actualmente no centro hai preto de 400 animais

O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra recolleu este xoves ás dúas crías de cadela que foron atopadas abandonadas nun contedor en Cuntis, con apenas dous días de vida e sen alimentar. Foi o persoal de limpeza do citado concello quen encontrou aos animais en condicións críticas cando realizaba o seu servizo, e deu aviso a Protección Civil de Cuntis que trasladou ás cadeliñas á súa base onde foron recollidas polo persoal do CAAN.

As crías, de cor negra e mestizas, que foron bautizadas no centro como Ánxela e Mara, recupéranse agora coa axuda de Rula, outra cadela do centro que as adoptou e estalas a aleitar. Persoal do CAAN destacou que Rula está a aceptar moi ben ás pequenas crías, que van evolucionando favorablemente, aínda que son moi débiles debido a que non se alimentaran desde o seu nacemento. Desde o centro da Armenteira destacan que o aleitado é a mellor forma de cría para estes primeiros momentos, aínda que se os cachorros non gañan peso complementarase a alimentación con biberóns. Se a recuperación vai adiante, o CAAN esperará a que cumpran 45 días para vacinalos e poder logo ofrecelos en adopción.

A Deputación de Pontevedra lamenta este novo episodio de abandono animal e salienta que unha sociedade desenvolvida “non se pode permitir abandonar dous cachorros abocados á morte”. Aínda que boa parte da sociedade está cada vez máis concienciada acerca desta problemática e tamén ao respecto das adopcións, aínda seguen a ser numerosos os casos de maltrato. O CAAN segue mantendo a premisa coa que naceu, fomentar o dereito á vida dos animais, erradicar o abandono e promover as adopcións. Neste senso, hai que subliñar que desde a súa posta en marcha en abril do 2013, o Centro de Acollida e Protección de Animais supera as 9.000 intervencións feitas nos 48 concellos da provincia que están adheridos a este servizo da Deputación, cunha poboación beneficiada de 400.000 persoas. Preto de 400 animais atópanse neste momento no centro e, no que vai de 2019, recolléronse 563.

O Goberno de Carmela Silva, que porá en marcha nas próximas semanas unha nova campaña contra o abandono e polas adopcións, aprobou a principios de setembro a adxudicación do contrato para a posta en marcha de novas actuacións de mellora no CAAN de Meis por valor de 293.627,90 euros. Tal e como explicou a presidenta o proxecto abrangue a creación dunha nova zona de maternidade, outra de esparexemento, a remodelación da zona de corentena e hospitalización e a mellora do espazo de clínica para adecuar o CAAN á Lei 4/2017 de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia.

Deja un comentario