+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

MORAÑA AFRONTA A FASE FINAL DA MELLORA DE 2,5 QUILÓMETROS DE VÍAS E DA HUMANIZACIÓN DO ACCESO Á IGREXA DE REBÓN


Actuouse en pistas do Calvo, San Pedro e Rebón de Arriba para renovar o seu firme e amplialas aproveitando os sobreanchos existentes

 

O Concello de Moraña afronta a fase final do proxecto de mellora viaria integral na parroquia de Rebón, orientado a incrementar a seguridade e favorecer a circulación na trama interna de pistas nos lugares do Calvo, San Pedro e Rebón de Arriba e no que tamén se está a executar a humanización, coa construción dun acceso peonil en pedra, da contorna da igrexa parroquial de San Pedro.

O proxecto de pavimentación de camiños municipais de Rebón, que está a ser realizado por Covsa cun orzamento duns 100.000 euros, centrouse na limpeza das cunetas e no máximo aproveitamento da calzada –que anteriormente oscilaba entre os 3,60 e os 4 metros de anchura en moitos puntos destas pistas– coa dotación dunha nova capa de rodadura que optimiza os sobreanchos existentes e facilita a circulación simultánea de dobre sentido.

“Vimos de renovar todo o firme pero tamén de gañar centímetros, aproveitando ao máximo as posibilidades de cada pista, para corrixir na medida do posible as condicións de estreitez”, explicou a alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, durante unha visita realizada hoxe ás inmediacións da igrexa de Rebón para supervisar os derradeiros detalles do seu novo acceso peonil.

En canto ás obras concretas de cada lugar, no Calvo procedeuse á renovación do asfaltado en 970 metros e a unha pequena dotación de formigonado de rampla nun treito; en Rebón de Arriba dotouse de novo pavimento a un treito de pista de 740 metros; mentres que en San Pedro renovouse o firme en 722 metros de estrada e estase a acometer o empedrado do acceso á igrexa. En concreto, prevese enlousar un gran carril peonil duns dez metros de anchura con bordiño perimetral de pedra.

“Ademais de renovar e ensanchar 2,5 quilómetros da trama viaria de Rebón, tamén estamos embelecendo e mellorando as condicións peonís da igrexa, polo que a
mobilidade da parroquia quedará en óptimas condicións”, detallou a rexedora.

Deja un comentario