+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Setembro de 2019

DEPORTISTAS OLÍMPICOS AXUDARÁN A CONCIENCIAR NA LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO GRAZAS AOS CONTRATOS DE PATROCINIO COA XUNTA


O Goberno galego asinará 25 contratos nunha primeira fase con deportistas clasificados ou en fase de clasificación para os Xogos de Tokio 2020

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete, e a secretaria xeral para a Igualdade, Susana López Abella, presentaron hoxe os contratos cos deportistas olímpicos galegos clasificados ou en fase de clasificación para os Xogos de Tokio 2020 co obxectivo de que axuden a concienciar na loita contra a violencia de xénero.

Nunha primeira fase asinarán estes contratos 25 deportistas, entre os que tamén se inclúen participantes nas edicións anteriores dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos. Cada contrato, en vigor ata o 31 de decembro de 2019, conta cun importe de 5.000 euros. Os deportistas deberán incorporar nos seus equipamentos oficiais de competición e de adestramento os logotipos da Secretaría Xeral de Igualdade e da Secretaría Xeral para o Deporte-Fundación Deporte Galego. Ademais, terán que difundir a través das súas redes sociais, alomenos unha publicación mensual relacionada coa loita pola tolerancia, a igualdade entre mulleres e homes e contra a violencia de xénero no deporte e na vida.

Ao acto de hoxe asistiron o triatleta Javier Gómez Noya, o piragüista Cristian Toro, a nadadora María Vilas, a judoka María Bernabeu e os regatistas Tamara Echegoyen e Nicolás Rodríguez. O vicepresidente da Xunta calificounos como os mellores embaixadores en Tokio de Galicia, do deporte e da igualdade. Nesta liña, Alfonso Rueda destacou que todos son referentes na transmisión dos valores do deporte e desde agora tamén na difusión de que non pode haber discriminación por razón de sexo e da necesidade de erradicar a violencia de xénero.

Estes contratos intégranse no convenio de colaboración no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero en materia de deportes dotado con 1,5 millóns de euros. A iniciativa inclúe medidas como campañas en espazos deportivos e difusión das mesmas a través dos clubs galegos de alta competicións, a dotación de equipamento da campaña NON contra a violencia de xénero para o colectivo arbitral ou para o programa Xogade, unha campaña con deportistas en centros educativos. Desta liña de colaboración tamén forma parte o convenio con deportistas olímpicos que desde hoxe serán socios e aliados da Xunta na loita contra esta lacra.

A colaboración en materia de deportes forma parte dunha serie de acordos ratificados entre os distintos departamentos da Xunta para impulsar medidas de carácter transversal ao abeiro do Pacto de Estado, que conta cun orzamento global de preto de 16 millóns de euros para este ano en Galicia.

Deja un comentario