+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019

EDUCACIÓN INSTALA O NOVO COMEDOR DO CEIP A REIGOSA DE PONTE CALDELAS


O xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, comprobou os traballos de colocación da nova instalación que poderá dar servizo ata 40 alumnos
O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, visitou esta mañá o CEIP da Reigosa en Ponte Caldelas co obxectivo de comprobar a instalación do novo comedor deste centro educativo.

Na visita, o xefe territorial estivo acompañado do alcalde da localidade, Andrés Díaz, así como do equipo directivo do centro, da Anpa do centro, da Inspección Educativa e de responsables da Unidade Técnica da Xefatura Territorial.

A obra contou cun orzamento de 26.700 euros, e supuxo a instalación dun módulo prefabricado “dadas as características do centro e da parcela na que se sitúa”, explicou Pérez Ares, xa que “no edificio, que conta cun semisoto, planta baixa e alta, non hai espazo para situar este comedor, xa que tódalas aulas están a ser utilizadas e non hai posibilidades nin dunha ampliación nin dunha reorganización de espazos”.

O novo módulo, que estará completamente rematado en dúas semanas, contará cun aseo interior, “aínda que o centro e o ximnasio contiguo contan con aseos que poden darlle servizo”. Inclúese no módulo tamén un equipo de aire acondicionado, e tódolos servizos de auga, saneamento e subministro eléctrico.

Para a instalación do novo comedor foi necesario contar cun transporte especial, o que retrasou lixeiramente a súa posta en marcha ata o día de hoxe.

O comedor contará cun fregadeiro máis un mesado, e con mobiliario que será instalado unha vez que o colexio concorde o número de alumnos que utilizarán o servizo, que roldará os 40. “A Anpa levará a cabo agora unha nova enquisa para coñecer cantas familias estarán interesados en utilizar este servizo e de cara a poñer en marcha tódolos trámites para a contratación do cátering”, explicou a dirección do centro.

O alcalde da localidade, pola súa banda, agradeceu o investimento levado a cabo nesta obra se comprometeu co xefe territorial de cara a afrontar novas melloras de mantemento no CEIP da Reigosa.

A Consellería de Educación investiu neste colexio máis de 177.000 euros en obras como a reforma da instalación do sistema de calefacción, a renovación da fontanería ou a reparación do ximnasio. En global, a Xunta destinou aos centros educativos de Ponte Caldelas nos últimos anos máis de 348.000 euros para distintas melloras.

Deja un comentario