+034 986 09 02 04 Xoves 12 de Decembro de 2019

O CONCELLO REMITE A URBANISMO O PLAN ESPECIAL DE DOTACIÓNS PARA A RESIDENCIA DE CARBALLEDO E SOLICITA “CELERIDADE”


“Cumprimentamos sobradamente o seu requerimento e pedimos un ditame rápido para acelerar esta gran infraestrutura social”, di Cubela

O Concello de Cerdedo-Cotobade remitiu á Comisión Superior de Urbanismo da Xunta de Galicia o Plan Especial de Dotacións que permitirá a construción da Residencia da Terceira Idade de Carballedo e agarda que este organismo emita o seu ditame con “celeridade” para rematar canto antes a tramitación administrativa.

Deste xeito, e tras a pertinente fase de exposición pública e a aprobación provisional deste plan por parte da xunta de goberno local, o Concello solicitou e acadou ata nove informes sectoriais favorables –algúns máis dos esixidos pola lexislación– e adxuntounos con este documento. En concreto, obtívose o visto bo de Aviación Civil, a Delegación do Goberno, o Ministerio de Industria, Patrimonio, Augas de Galicia, Calidade Ambiental, direccións xerais de Emerxencias e de Enerxía e Minas e da Intervención Municipal.

“Cumprimos sobradamente co seu requerimento, que nos fixeron o pasado mes de marzo, e pedimos un ditame rápido para acelerar ao máximo esta gran infraestrutura social, xa que queremos poñer todo da nosa parte para que o vindeiro ano 2020 sexa clave na súa posta en marcha”, demandou o alcalde, Jorge Cubela, que amosouse confiado en que Urbanismo “será sensible á nosa petición de axilidade porque sempre o fixo e porque sabe que somos un Concello moi serio e rigoroso que presenta a documentación de xeito impecable”.

Cómpre sinalar que o ditame de Urbanismo é o derradeiro paso administrativo do plan especial, xa que, no caso de ser favorable, xa poderá ser aprobado definitivamente polo Concello e se activará a segunda fase do traballo burocrático, centrado na consecución de terreos nas inmediacións da capela de San Roque e do novo aparcadoiro e na redacción do proxecto, dúas cuestións nas que se prevén investir globalmente 110.000 euros.

O plan, impulsado polo goberno encabezado por Jorge Cubela para seguir mellorando as infraestruturas e a oferta de Servizos Sociais ata situarse na vangarda da comunidade, contempla un investimento duns 3 millóns de euros para a construción dun edificio de 3.304 metros cadrados que se situará nunha céntrica parcela de máis de 8.000 metros. Este xeriátrico contará inicialmente con 59 prazas de residentes e xenerará unha vintena de postos de traballo.

Deja un comentario