+034 986 09 02 04 Domingo 15 de Decembro de 2019

SOUTOMAIOR PECHA SEN SANCIÓNS A PRIMEIRA SEMANA CON ZONA AZUL NO CENTRO DE ARCADE


A medida foi solicitada por comerciantes e veciños para fomentar a rotación do aparcamento durante o horario comercial
A primeira semana tras a implantación da zona azul no centro de Arcade transcorreu “con total normalidade e sen incidencias”, segundo indicou esta mañá o alcalde, Agustín Reguera. Os primeiros días de regulación de aparcamento pecháronse sen ningunha infracción e con apenas uns poucos avisos a condutores sen o disco regulamentario.
Tras varias semanas de campaña informativa na que só se avisaba aos condutores, o Concello de Soutomaior puxo en marcha a pasada semana a zona azul para fomentar a rotación do aparcamento que necesita o pequeno comercio do centro de Arcade. A regulación de aparcamento limítase a catro viarios, as rúas de Portal do Ribeiro, Rosalía Castro e a marxe dereita, en sentido Pontevedra, de José Solla e de Roxelio Landeiro.
Desde o Concello destacan a boa acollida da iniciativa por parte dos veciños «xa que non supón ningún custo para os condutores e se ten un impacto real na rotación do aparcamento”, destacou Reguera. O aparcamento regúlase a través dun disco horario que os interesados poden solicitar nas oficinas do Concello, na biblioteca municipal ou á Policía Local de Soutomaior.
O custo da sanción por incumprir a normativa de aparcamento é de 12 euros, “pero por agora estamos a admitir un papel anticipando a hora de regreso do condutor”, indicou o alcalde, que explicou que “hai que agradecer a concienciación dos veciños porque practicamente todos os coches teñen xa os discos e preocúpanse por utilizalos correctamente”.

Deja un comentario