+034 986 09 02 04 Xoves 17 de Outubro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

SEGUE ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN DOS DEZ CURSOS DO PROXECTO FORMATIVO “MILLENNIALS 2019” PARA MOZOS DA PROVINCIA


As solicitudes de admisión nas accións formativas que se desenvolverán entre outubro e decembro poderán ser enviadas ata o 27 de setembro

O programa, gratuíto e cofinanciado pola Deputación e o Fondo Social Europeo, inclúe cursos en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e Ponteareas

A Deputación de Pontevedra iniciará no vindeiro mes de outubro un total de dez cursos gratuítos do Proxecto Millennials 2019, o plan dirixido á mocidade da provincia co obxectivo de mellorar a súa empregabilidade e acceso ao mercado laboral a través de formación e asesoramento ligado ao emprendemento. Deste xeito, o prazo de solicitude de matriculación continuará aberto ata o vindeiro venres 27 de setembro, posto que o calendario lectivo dará comezo en outubro.

Entre os cursos figura a nova edición dunha acción formativa en Pontevedra e outra en Vigo que se levan desenvolvendo dende xullo, pero que a Deputación decidiu repetir nunha nova convocatoria pola súa gran demanda e acollida. Trátase dos cursos “Marketing dixital: estratexias SEO, SEM, redes sociais e análise de tráfico web” (Pontevedra) e “Creación de contidos dixitais (videoxogos, imaxe e vídeo)” (Vigo). As persoas interesadas poden inscribirse xa nos correos electrónicos cursoEOI.pontevedra@eoi.es e cooperacion@depo.es.

Os oitos cursos restantes desenvolveranse, ademais de en Pontevedra e Vigo, en Vilagarcía e Ponteareas. Así, en Pontevedra, ademais do curso “Marketing dixital: estratexias SEO, SEM, redes sociais e análise de tráfico web” están previstas as accións formativas “Creación e xestión de tendas en liña”, cuxa duración ascende a 316 horas; e “Xestión de fidelización de establecementos turísticos”, con 166 horas.

Por outra banda, Vigo acollerá tamén outras catro accións formativas alén do curso “Creación de contidos dixitais (videoxogos, imaxe e vídeo)”. Trátase de “Deseño e prototipado rápido mediante impresión 3D e mecanizado”, de 316 horas; “Creación de aplicacións móbiles (aplicacións para Android e IOS)”, tamén de 316 horas lectivas; “Organización e Xestión de Produción: Lean Manufacturing 4.0”, de 312 horas; e, por último, “Xestión de empresas turísticas. Deseño e desenvolvemento de produtos”, con 166 horas. A totalidade destes cursos terá lugar na sede da Deputación en Vigo.

En Vilagarcía (Matosiños) terá lugar a acción formativa “Deseño e prototipado rápido mediante impresión 3D e mecanizado”, cun total de 316 horas, mentres que o CDL de Ponteareas acollerá a acción formativa “Programación web con software libre. Web development bootcamp”, que conta cun total de 316 horas de formación.

As inscricións a estes outros oito cursos poden facerse a través da web https://www.eoi.es/es/formacion-para-el-empleo-joven e as persoas interesadas poden obter información adicional a través do enderezo electrónico coooperacion@depo.es ou no teléfono 986 804 100 (extensións 40652 e 40267). Doutra banda, dado que a totalidade das accións formativas dará comezo en outubro, as persoas que poidan estar interesadas nas accións de promoción que se van realizar en PontUp Store en Pontevedra entre o 19 e o 21 de setembro poderán participar nesta edición de Millenials sen prexuízo na súa asistencia ás clases.

O Proxecto Millennials, cofinanciado pola Deputación de Pontevedra e o Fondo Social Europeo, está dirixido a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos, con cursos deseñados e adaptados ás súas necesidades e ás necesidades do tecido industrial da provincia, no marco do Plan Nacional de Garantía Xuvenil. Este proxecto enmárcase así mesmo no convenio de colaboración entre a institución provincial e a Escola de Organización Industrial, dentro do Programa Operativo de Garantía Xuvenil.

Deja un comentario