+034 986 09 02 04 Xoves 17 de Outubro de 2019

TENORIO CELEBRA O SÁBADO A V FESTA DO PAN DE MILLO E OVO CO PREGÓN DE MIGALLAS TEATRO E DEZ ACTUACIÓNS


A organización servirá 1.000 ovos, que se venderán a 3 euros a parella tras a sesión vermú, e tamén haberá outros pratos a prezos populares

A parroquia de Tenorio vai celebrar este sábado, 21 de setembro, a V Festa do Pan de Millo e Ovo, que contará co pregón-espectáculo de Migallas Teatro e cunha decena de actuacións musicais, así como unha chea de actividades para todos os públicos. A cita gastronómica foi presentada esta mañá en Carballedo polo alcalde, Jorge Cubela, e representantes da comisión organizadora, integrada por membros da Asociación Cultural Foula.

O certame arrancará no Campo da Festa de Tenorio ás 13.00 horas coa actuación dos Chaneiros de Marín, que darán paso ao pregón ás 14.00 horas e, posteriormente, á sesión vermú cos Pandereteir@s do Val de Quireza.

Tras esta animación musical comezará a cita gastronómica, na que se servirán uns 1.000 ovos con pan de millo –unhas 500 racións– a un prezo de 3 euros a parella, aínda que tamén haberá máis produtos, como churrasco, empanadiñas de pan de millo e callos, entre outros, a prezos populares. A organización servirá o prato estrela durante todo o día ata esgotar existencias.

Xa pola tarde, ás 17.00 horas volverá a música coa banda infantil da Unión Musical de Tenorio e coa Banda de Música Unión de Lantaño antes de que ás 18.00 horas se presente o libro “O bailegrama” e arranque o obradoiro do mestre Serxio Cobos. Ademais, durante todo o día haberá feira de artesanía, xogos populares con monitores e inchables.

Finalmente, a xornada pecharase coa animación musical de serán, dende as 20.00 horas, con Los Jinetes del Trópico, Fiandola e Metalxis para clausurar a festa gastronómica cunha queimada da man de O Bruxo do Río.

Cubela amosou o respaldo do Concello, que colabora con este certame gastronómico, e agradeceu “o enorme traballo” dos organizadores para sacar adiante unha festa culinaria de produtos tradicionais “e programar de xeito paralelo un potente programa musical e moitas e variadas actividades para todos os públicos”. Tras destacar que o bofacer dos organizadores “permitíu consolidar a festa en só catro anos”, amosouse convencido de que seguirá medrando “grazas a que todo está moi ben organizado, como se demostrou nas catro primeiras edicións, e

ao tirón dun prato tan típico e saboroso como o ovo con pan de millo”. Finalmente, destacou o potencial gastronómico do municipio con ata oito festas de exaltación e indicou que esta será a sexta do presente exercicio, restando aínda o Caracol de Santa María de Sacos e o Bolo de San Martiño en Borela.

Deja un comentario