+034 986 09 02 04 Venres 15 de Novembro de 2019

CORES TOURÍS COMPROBA O AVANCE DOS TRABALLOS DE MELLORA DA PO-255 AO SEU PASO POLO CONCELLO DE COVELO


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que se investirán case 400.000 euros para levar a cabo melloras puntuais no trazado desta estrada nos concellos de Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe o concello de Covelo para, en compaña do alcalde da localidade, Pablo Castillo, comprobar o avance dos traballos de mellora da PO-255 ao seu paso por este municipio.

O delegado territorial destacou que esta estrada, que atravesa os concellos de Ponte Caldelas, A Lama, Fornelos e Covelo, verase mellorada, no caso do concello que visitou hoxe Cores Tourís, no tramo que vai do punto quilométrico 19+980 ao 23+250, entre Ponte da Cereixa e Barcias. Neste punto estenderase unha nova capa de rodaxe e colocaranse varios treitos de barreiras de seguridade. No resto do trazado levaranse a cabo reparacións puntuais ao longo dos próximos tres meses.

O orzamento roldará os 400.000 euros, “o que permitirá mellorar este tramo e dar unha maior calidade de vida e seguridade viaria a veciños e usuarios desta estrada”.

Cores Tourís destacou que a Xunta continúa no camiño da mellora de infraestruturas iniciadas fai anos e recordou que o Goberno galego está a apoiar aos concellos para reforzar a seguridade viaria, incrementar a comodidade nos desprazamentos dos seus veciños e mellorar a calidade de vida da cidadanía.

Subraiou a aposta do Goberno galego polo interior de Galicia, polo reequilibrio territorial e polo desenvolvemento económico e social do conxunto do territorio, ofrecendo máis e mellores servizos aos veciños.

Deja un comentario