+034 986 09 02 04 Sábado 16 de Novembro de 2019

A FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA PROMOCIONA EN TERMATALIA OS SEUS SALÓNS TURÍSTICOS TUREXPO GALICIA E FESTUR


 CONTA CUN STAND EN EXPOURENSE, NO CAL SE DAN A COÑECER AS EDICIÓNS DE 2020 DESTOS EVENTOS, QUE SERÁN DO 4 AO 7 DE XUÑO

A Feira Internacional de Galicia ABANCA (FIGA) participa estes días na 19ª Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar, Termatalia 2020, a cal comezou onte e remata hoxe no recinto Expourense.

Está presente cun stand no que se promocionan os seus eventos centrados no sector do turismo, o X Salón Turístico de Galicia (Turexpo Galicia) e a VII Feira de Festas de Interese Turístico (Festur). Estes celebraranse conxuntamente e de forma paralela á Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia do 4 ao 7 de xuño.

Turexpo Galicia e Festur están xa inmersos na organización dunha cita que conxugará unha interesante área expositiva, un programa de actividades especialmente dedicado ás festas de interese turístico e unha importante Bolsa de Contratación Turística. Esta última contou en 2019 coa participación 47 operadores turísticos de 11 países, os cales coñeceron as propostas de 140 empresas de turismo.

Desenvolvemento do sector feiral

Esta participación en Termatalia enmárcase no convenio asinado en outubro de 2017 entre a entidade feiral e a Fundación Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, o cal ten como obxectivo promover accións que contribúan ao desenvolvemento do sector feiral na nosa comunidade e, de maneira particular, destes dous recintos.

Unha colaboración que a Feira Internacional de Galicia ABANCA quixo estender a Portugal para seguir traballando na dinamización do ámbito feiral a través de acordos de cooperación transfronteiriza. Así, ten establecido un convenio coa Feira Internacional do Oporto (Exponor), iniciado en marzo de 2018, e outro con Altice Forum Braga, asinado en xullo deste ano.

Deja un comentario