+034 986 09 02 04 Luns 09 de Decembro de 2019
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN INCREMENTA ATA PRETO DE DOUS MILLÓNS E MEDIO DE EUROS PARA OS SERVIZOS SOCIAIS COMUNITARIOS NOS CONCELLOS DA PROVINCIA


“É a maior contía que destinou a institución provincial ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar básico e o persoal dos concellos, que se dedican a facer fronte ás demandas sociais das persoas con máis dificultades”, destacou Silva

Este ano refórzanse as contías para os 15 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes cos maiores índices de envellecemento

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais dos concellos de menos de 20.000 habitantes. Nesta convocatoria póñense a disposición de 52 concellos da provincia un total de 2.370.563,9 euros, o que supón un incremento de 65.450,57 euros con respecto ao 2018. “Trátase da maior contía destinada, ata o momento, ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar básico e o persoal dos concellos de menos de 20.000 habitantes, que se dedican a facer fronte a estas demandas sociais das persoas con máis dificultade”, subliñou Carmela Silva.

Tal e como explicou a presidenta da Deputación, este ano a institución provincial aumenta a financiación deste Plan en dous aspectos. Pola súa banda, “máis recursos para garantir o diñeiro que van a recibir o servizo de axuda no fogar”, de acordo ao Decreto que os regula, nos concellos de Baiona, Cambados, Gondomar, Moaña, Poio, O Porriño, Salceda, Soutomaior, Tui e Vilaboa. E, por outra banda, tamén se reforza a financiación aos 15 concellos que presentan os índices de envellecemento máis elevado, “unha decisión propia da administración provincial na súa aposta por facilitar que haxa medidas para o envellecemento activo, apostando sobre todo por aqueles lugares que teñen máis dificultades”, indicou Silva. Neste caso os concellos son Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos de Montes, A Lama, Mondariz, As Neves, Rodeiro e Vila de Cruces.

No Servizo de Axuda no Fogar “adxudicamos 1.291.561,9 euros para atender a persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con diversidade funcional, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato”. O perfil das persoas usuarias deste servizo é, principalmente, unha muller, maior de 70 anos, coas limitacións propias da idade e que precisa apoio para realizar algunha das tarefas e actividades da vida diaria.

Máis polo miúdo, o Plan de financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais busca integrar o conxunto de proxectos e servizos de apoio educativo e psicosocial dirixidos ás familias, co obxectivo de detectar, previr e superar as situacións de dificultade. Especialmente as eventuais situacións de maltrato infantil ou calquera outra desprotección, así como promover procesos de cambio que favorezan un adecuado exercicio das responsabilidades familiares, a mellora da autonomía, da integración e da participación social das familias e unidades de convivencia.

En concreto, co Plan deste ano 2019 a comarca da Paradanta recibirá un total de 159.169,07 euros, que se repartirán entre as vilas de Arbo (44.552,06 €), A Cañiza (48.339,71 €), Covelo (36.387,71 €) e Crecente(29.889,59 €).

O Condado recibirá 162.018,12 euros, que se repartirán entre Mondariz (56.079,21 €), Mondariz Balneario (22.697,2 €), As Neves (30.718,71 €), e Salvaterra do Miño (52.523 €).

O Baixo Miño, 225.636,15 euros, que se repartirán entre A Guarda (59.866,12 €), Oia (25.541,24 €), O Rosal (27.847,29 €), Tomiño (59.042 €) e Tui(53.339,5 €).

O Val Miñor, 169.338 euros, que se repartirán entre Baiona (51.310 €), Gondomar (55.514 €) e Nigrán (62.514 €).

A comarca do Deza recibirá 233.570,52 euros, que se repartirán entre Agolada (50.633,27 €), Dozón (41.867,19 €), Rodeiro (26.884,53 €), Silleda (60.847,71 €) e Vila de Cruces (53.337,82 €).

Tabeirós-Terra de Montes, 113.634,63 euros, que se repartirán entre Cerdedo-Cotobade (59.534,78 €) e Forcarei (54.099,85 €).

A comarca de Vigo recibe 276.157,18 euros, que se repartirán entre Fornelos de Montes (26.395,61 €), Mos (65.851,24 €), O Porriño (69.571 €), Pazos de Borbén (24.094,05 €), Salceda de Caselas (60.027,14 €) e Soutomaior (30.218,14 €).

O Morrazo recibe 132.737 euros, que se repartirán entre Bueu (51.786 €) e Moaña (80.951 €).

O Salnés recibe 490.059,26 euros, que se repartirán entre Cambados (54.670 €), Catoira (21.337 €), O Grove (59.220,79 €), A Illa de Arousa (28.521 €), Meaño (55.042 €), Meis (31.224,86 €), Pontecesures (21.666,5 €), Ribadumia (29.296,63 €), Sanxenxo (62.202 €), Valga (43.939 €), e Vilanova de Arousa (82.939,48 €).

E, por último, a comarca de Pontevedra recibe 408.243,97 euros, que se repartirán entre Barro (39.097,77 €), Caldas (50.907 €), Campo Lameiro (27.328 €), Cuntis (41.521,21 €), A Lama (41.345,35 €), Moraña (23.577 €), Poio (92.628,5 €), Ponte Caldelas (40.917 €), Portas (29.806,5 €), e Vilaboa (21.115,64 €).

Deja un comentario