+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019

CUBELA ESIXE A FOMENTO QUE ADOPTE MEDIDAS DE SEGURIDADE VIAL NA N-541 EN FOLGOSO PARA REDUCIR OS ACCIDENTES


O rexedor reclama que se limite a velocidade a 50 quilómetros por hora no treito de Covas, entre os puntos quilométricos 60 e 61 da Nacional

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, vén de esixir ao Ministerio de Fomento que adopte de xeito inminente diversas medidas de reforzo e incremento da seguridade vial na travesía urbana da estrada N-541 ao seu paso pola parroquia cerdedense de Folgoso co obxectivo de reducir os accidentes de tráfico que se están a producir neste punto e que están a medrar nos últimos tempos.

Ante este incremento da sinistralidade nesta zona, o rexedor local vén de cursar unha solicitude oficial, dirixida á Unidade de Estradas de Pontevedra –dependente do departamento estatal–, na que reclama que se proceda a limitar a velocidade a 50 quilómetros por hora entre os puntos quilométricos 60 e 61 da Nacional, que son os que coinciden co lugar de Covas, pertencente á citada parroquia.

Así mesmo, tamén reclama, de xeito urxente, que se acometa o pintado dunha liña continua no centro da estrada desta travesía para prohibir por completo os adiantamentos de vehículos ao seu paso por esta localidade, xa que son unha das causas, xunto ao exceso de velocidade, que están a aumentar a sinistralidade.

Cubela cre que, con estas dúas medidas, se corrixiría a actual situación, que está a producir bastantes accidentes de tráfico, aínda que lembrou que neste punto tamén ocorreu recentemente un aparatoso sinistro cun camión de transporte de eólicos e que non se debeu ao exceso de velocidade. Por elo, é posible que, no futuro, sexan necesarias outras actuacións de seguridade nesta estrada ao seu paso por Folgoso.

“Cremos que inicialmente, con estas dúas accións, conseguiríamos minguar a velocidade dos vehículos e reducir a sinistralidade, xa que o caso dos eólicos podemos consideralo puntual, aínda que puido ser moi grave. Deste xeito, coa limitación de velocidade e a liña continua reforzaríamos a seguridade tanto da xente de Covas e do resto da parroquia como dos demais usuarios da N-541”, detallou o alcalde, que engadiu que a petición xorde dunha demanda dos veciños da zona.

Deja un comentario