+034 986 09 02 04 Venres 06 de Decembro de 2019

CUBELA CLAMA POLA IGUALDADE “PARA ACADAR UNHA SOCIEDADE XUSTA SEN A ASFIXIA DA VIOLENCIA MACHISTA”


 150 persoas dunha trintena de colectivos feministas participan na cita organizada por MEI Cerdedo-Cotobade, A Lama, Ponte Caldelas

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, clamou pola igualdade “para acadar de xeito urxente unha sociedade xusta, democrática e na que se manteña o Estado de Dereito e do Benestar sen a asfixia irrespirable que nos está a causar a violencia machista”. “Esta situación, con asasinatos ás mulleres cada semana, non se pode soportar nin un minuto máis”, apuntou o rexedor, que esixiu “unidade de acción e colaboración por parte de todos, sen exclusións, para acadar a igualdade, porque esta loita non é patrimonio de ninguén e non se conseguirá erradicar a lamentable violencia machista sen contar con toda a sociedade”.

O alcalde realizou estas manifestacións na apertura do I Congreso Provincial das Asociacións de Mulleres En Igualdade, que arrancou esta mañá no Centro Cultural de Cerdedo e que se desenvolverá durante toda a xornada coa participación de 150 persoas pertencentes a unha trintena de colectivos feministas e defensores da igualdade de Pontevedra.

Este cónclave, organizado por Mulleres En Igualdade (MEI) Cerdedo-Cotobade, A Lama, Ponte Caldelas baixo a coordinación da súa presidenta, Raquel Touriño, contou cun importante respaldo da Xunta de Galicia coa presenza do vicepresidente, Alfonso Rueda; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o director xeral de Gandaría e ex alcalde de Cerdedo, José Balseiros; a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias; ou o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois; entre outros.

O congreso, en cuxa mesa de apertura tamén participou a concelleira de Pontevedra Pepa Pardo e que contou coa presenza de case todos os membros do goberno local de Cerdedo -Cotobade, comezou cun emotivo e sentido minuto de silencio en sinal de condolencia e dor polo triple asesinato machista ocurrido esta mesma semana no municipio pontevedrés de Valga.

Deja un comentario