+034 986 09 02 04 Domingo 20 de Setembro de 2020

OS POPULARES ESIXEN NO PLENO UNHA REBAIXA DA CARGA IMPOSITIVA A VECIÑOS E ASOCIACIÓNS SEN ÁNIMO DE LUCRO


Mañá martes, serán debatidas dúas mocións presentadas polo Grupo Popular coa finalidade de rebaixar o imposto de vehículos a todos os veciños e o ICIO a aquelas asociacións sen fins lucrativos

O Grupo Municipal do PP leva a pleno dúas mocións co fin de rebaixar a carga impositiva á que están sometidos os veciños de Ponteareas.

Solicitan unha rebaixa do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica, xa que foi subido en 2013, como medida do Plan de Axuste que impulsaron os populares para sanear o Concello. “Adquiriuse un compromiso de devolver este imposto aos valores de 2013 cando finalizase o plan de axuste. En 2016 tería que aplicarse esta rebaixa. Non é xusto que os políticos nos subamos o soldo e que a mellora económica non repercuta nos veciños”, critica a portavoz popular Belén Villar.

Por outra banda os populares levan a debate o bonificar o ICIO (Imposto de Construcións, Instalacións e Obras) ás asociacións sen ánimo de lucro como traídas de augas, asociacións veciñais, etc.

Villar tamén aproveitará o pleno para preguntar polo problema de nóminas que denunciaron sindicatos e traballadores municipais. “Queremos que o alcalde explique que está a suceder con este servizo, que foi privatizado, e que polo visto non está a funcionar correctamente. Non pode ser que un empregado perciba un salario erróneo e que teña que devolvelo posteriormente”, explicou a portavoz.

Deja un comentario