+034 986 09 02 04 Domingo 27 de Setembro de 2020

A XUNTA APOSTA POR REFORZAR O PAPEL DA MULLER PARA POTENCIAR A DINAMIZACIÓN E DIVERSIFICACIÓN DO MEDIO RURAL


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na presentación do ciclo de seminarios “Outono pola igualdade na reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, apostou hoxe por reforzar o papel da muller no medio rural como un dos eixos básicos para favorecer a dinamización e diversificación do sector.

Así o sinalou hoxe durante a súa participación na presentación do ciclo de seminarios “Outono pola igualdade na reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”, que ten como obxectivo sensibilizar sobre o papel da muller e identificar os grandes retos para a igualdade no medio rural.

Neste sentido, López Abella puxo en valor que incentivar o emprendemento feminino no rural e integrar a perspectiva de xénero constitúe un elemento estratéxico non só para promover a igualdade entre mulleres e homes, senón tamén de cara ao crecemento económico e o desenvolvemento pleno e duradeiro do sector.

Ademais, destacou a importancia de mellorar a situación das mulleres rurais, fomentar a súa visualización e empoderamento, e facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Por último, lembrou que a Xunta ten posto en marcha actuacións específicas para o medio rural no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. En concreto, en virtude dun convenio asinado entre a Vicepresidencia e a Consellería do Medio Rural, acordouse poñer en marcha campañas específicas de detección e prevención da violencia de xénero no medio rural, así como un programa de contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero en empresas ou entidades forestais e agrogandeiras.

Deja un comentario