+034 986 09 02 04 Sábado 07 de Decembro de 2019

CUBELA GARANTE O COFINANCIAMENTO DO PLAN MADRUGA NOS COLEXIOS PARA TODA A LEXISLATURA PARA FAVORECER A CONCILIACIÓN


O Concello outorgará 2.000 euros anuais a cada colectivo, o que permitirá sufragar aproximadamente o 50% do custo do servizo

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, vén de garantir o cofinanciamento municipal do Plan Madruga nos tres colexios públicos de municipio para toda a lexislatura, ata o ano 2023, co obxectivo de favorecer a conciliación familiar e laboral dos veciños con cativos en idade escolar. O rexedor fixo este anuncio tras reunirse, de xeito consecutivo, coas Asociacións de Nais e Pais (Anpas) dos centros educativos de Carballedo, Tenorio e Cerdedo.

“Para min é fundamental a boa atención aos nosos nenos e poñer todo da nosa parte para que os veciños poidan conciliar, polo que este apoio económico non é algo que se vaia falar nin negociar ano a ano, é un compromiso para os catro anos deste mandato porque cremos nas familias e no interese xeral da cidadanía”, manifestou o rexedor, que quixo deixar claro que esta “será a lexislatura da política social e da conciliación laboral”.

Por este motivo, indicou que o Concello aportará 2.000 euros anuais a cada unha das tres entidades para cofinanciar o Plan Madruga, o que suporá un investimento social de 24.000 euros en toda a lexislatura. Con esta aportación, a administración local sufragará aproximadamente o 50% desta asistencia, xa que permitirá que o custo do Plan Madruga para as familias sexa de 21 euros mensuais no canto dos 42 que cobra a empresa encargada do mesmo.

Ademais, este servizo, que inclúe o almorzo, prestarase de 7.30 a 9.00 horas para favorecer que os cativos estean coidados e desenvolvendo actividades na franxa previa ao inicio das clases mentres os seus proxenitores se desprazan aos seus centros de traballo ou a realizar os seus quefaceres diarios.

“Imos aplicar o mesmo sistema que coa subvención da actividade de piscina. Así, concederemos unha subvención a prol de cada Anpa, que será a que se encargue da contratación e xestión do Plan Madruga, xa que nos parece un sistema máis eficiente que ademais permite que as nais e pais controlen de xeito directo un servizo do que se benefician os seus fillos”, manifestou o rexedor, agradecendo a colaboración das Anpas, que agora xestionarán a recepción de solicitudes para determinar se, como parece, hai demanda de nenos e se activa o programa.

Deja un comentario