+034 986 09 02 04 Sábado 07 de Decembro de 2019

O CONCELLO OFRECE PILATES, XIMNASIA DE MANTEMENTO, MUAY THAI E TAEKWONDO NO PLAN DEPORTIVO 2019/2020


A inscrición mantense aberta e as cotas de participación oscilan entre os 10 e os 20 euros mensuais dependendo da actividade

O Concello de Cerdedo-Cotobade ofrece as prácticas de pilates, ximnasia de mantemento, Muay Thay e taekwondo no marco do plan de actividades deportivas
2019/2020, que veñen de comezar nas localidades de Carballedo, Tenorio e Cerdedo co obxectivo de descentralizar este programa e achegalo cada vez máis aos veciños.

Estas modalidades, que están abertas á participación de todos os veciños do municipio, contemplan unha ou dúas horas semanais de práctica e, malia estar iniciadas, manteñen aberta a súa inscrición para seguir incorporando a persoas interesadas. A matrícula pode formalizarse nas oficinas municipais de Carballedo e Cerdedo ou a través dos teléfonos 986 753006, 986
760001 ou 679 612484, que pertence ao monitor Toni Garrido.

En Carballedo vanse desenvolver as clases de pilates, que serán os mércores e venres ás 20.00 horas cun prezo de 20 euros mensuais; as de Muay Tahi, que serán os mércores e venres ás
21.00 horas coa mesma cota; e as de taekwondo, que pertence á oferta deportiva transferida pola Deputación de Pontevedra. Esta última terá lugar os martes dende as 16.30 horas no pavillón e está orientada a cativos nados entre os anos 2005 e 2015. En Tenorio impartirase pilates os luns ás 20.00 horas e os venres ás 19.00 horas.

En canto a Cerdedo, haberá ximnasia de mantemento os martes e xoves ás 18.00 horas a un prezo de 10 euros mensuais; pilates os martes e xoves ás 20.00 horas cunha cota de 20 euros; e Muay Thai os xoves ás 21.00 horas cunha taxa máis reducida, de 15 euros, xa que só haberá unha sesión semanal.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, amosou a súa satisfación polo crecemento de actividades e emprazamentos que se está a facer cada ano “co obxectivo de achegar cada vez máis a oferta deportiva a todos os veciños e que sigan incrementando, como están a facer, a súa participación nestas clases, que abondan na nosa oferta de lecer e contribúen a seguir creando e fomentando hábitos saudables entre a poboación”.

Deja un comentario